O BNG propón a creación de novas zonas de aparcadoiros públicos de xeito paralelo aos procesos de humanización de rúas
Require un estudo para construír un aparcadoiro público no campus universitario para reducir o tráfico e a gañar prazas de estacionamento
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2015.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, presentou unha proposta que lle trasladará o BNG ao Goberno de Compostela Aberta para tramitar un estudo técnico-económico sobre a viabilidade da construción dun novo aparcadoiro público, de xestión pública, na contorna do Ensanche compostelán, que considera necesario para diminuír tráfico e darlle alternativa á actual supresión de numerosas prazas de estacionamento co fin de gañar espazos abertos para o paseo e o lecer.
O BNG é un firme defensor das humanizacións e de gañar espazos públicos para nenos e nenas, beirarrúas máis transitábeis; mais ese proceso non se pode dar sen unha alternativa de aparcadoiro para vehículos, explicou Rubén Cela.
Así, amosouse preocupado porque as propostas de humanización e reurbanizacións en marcha levan parellas unha perda significativa de prazas de aparcamento en superficie cando se debía traballar, en paralelo, á busca de zonas de estacionamento de vehículos. En concreto, na última comisión de Patrimonio Histórico analizouse a alternativa a Castrón Douro, onde se suprimirá a totalidade das prazas de aparcamento, con só dúas para carga e descarga. En Carreira do Conde, a actuación supuxo a supresión de 50 aparcamentos en superficie; en Montero Ríos había 40 prazas e quedarán 20; en Quiroga Palacios, en Concheiros e na avenida de Vilagarcía tamén se eliminan prazas sen lle dar alternativa.
O BNG está de acordo con esas actuacións, sempre que se expoñan e se consensúen coa veciñanza e co comercio de cada zona e que, ademais, vaian encamiñadas a gañar mellor calidade de vida e dos servizos básicos, explicou, pero non se pode seguir avanzando nesa dirección sen antes ter en conta a necesidade de aparcadoiros para deixar os vehículos, co fin de que verdadeiramente sexa efectivo o proceso de gañar espazos públicos para camiñar.
Así, demandou que se avance no plano de aparcadoiros disuasorios, comezar coas obras aprobadas de bolsas de aparcadoiro como a realización dun aparcadoiro público na contorna do Conservatorio de Música a raíz dunha iniciativa do BNG aprobada en outubro de 2014- ou na Casa de Asociacións de Cornes, por exemplo; e que se realice ese estudo de viabilidade económica e técnica para realizar un aparcadoiro de xestión pública no ámbito do campus universitario, debaixo do campo de fútbol, que se pode unir coa praza delimitada entre as facultades de Ciencias Políticas, Farmacia, Dereito e o Centro de Orientación Integral ao Estudante COIE.
Para Rubén Cela, a estación intermodal non debería incluír aparcadoiro só para o intercambiador dos servizos de tren e de autobús, senón que habería que pensar nunha bolsa de aparcadoiro público para o Ensanche compostelán.
Ao abeiro da iniciativa dos Colecamiños, presentada polo Goberno local, indicou que en Pontevedra a cidade galega que máis avanzado ten os camiños escolares seguros- habilitáronse previamente bolsas de aparcadoiro nas inmediacións dos centros escolares para que os pais e as nais poidan deixar os seus coches alí e iren con seguridade andando aos propios colexios, para facer un espazo seguro na súa contorna e facilitar a entrada e saída de nenos e nenas.