O BNG propón destinar 3,5 millóns de euros dos remanentes ás axudas directas para hostalaría e comercio
Para o investimento dos 1,5 millóns en infraestruturas, o BNG aposta por obras para mellorar a accesibilidade no Campus sur, na Estila, na Almáciga e en Vite
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021.- O BNG propón que na distribución dos remanentes de tesouraría vaian destinados 3,5 millóns de euros a axudas para comercio e hostalaría e 1,5 millóns de euros a investimentos e infraestruturas, ademais de reservar 455.000 euros para unha convocatoria específica en concorrencia competitiva para o sector cultural.
“O BNG considera insuficientes os 2 millóns de euros para axudas directas que propón o grupo socialista”, afirma Goretti Sanmartín, que tamén lembra que o alcalde se negou a realizar unha convocatoria específica para aquelas persoas que ficaron sen axudas en comercio por falta de dotación orzamentaria a pesar de cumpriren os requirimentos da convocatoria e que supoñían o 60% do conxunto de comercios presentados.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, cómpre adecuar a proposta inicial do Goberno local do PSOE á situación de crise que padecen comercio, hostalaría e cultura tendo en conta que pode manterse ou mesmo agravarse durante este ano en función da evolución da pandemia da covid-19. Así, dos 5 millóns de euros procedentes dos remanentes, o BNG estima necesario achegar máis fondos para axudas, até alcanzar os 3,5 millóns de euros, xa que considera insuficiente a previsión do alcalde de tan só destinar 2 millóns de euros a esta finalidade.
Para o investimento dos 1,5 millóns en infraestruturas, o BNG aposta por obras que estaban comprometidas e que melloren a accesibilidade. En concreto, Goretti Sanmartín estima necesario cubrir os parques do Castiñeiriño e das Fontiñas, un compromiso pendente desde 2017, mellorar a accesibilidade no Campus sur (251.175 euros), a accesibilidade na Almáciga (320.761 euros), no pavillón municipal de Vite (50.000 euros) e o proxecto para a accesibilidade no barrio da Estila (45.000 euros).
“Tanto este último proxecto como o do aparcadoiro soterrado en Belvís e a necesidade de abordar parcialmente o saneamento e o abastecemento no rural son urxencias que hai que acometer e que de non poder facerse a responsabilidade última é do PSOE que tivo practicamente dous anos para realizar os proxectos previos necesarios”, sinalou Goretti Sanmartín.
Xunto a iso, o BNG defende crear unha nova convocatoria específica para o sector cultural, “feita en diálogo co conxunto de persoas e colectivos que integran este ámbito e con especial incidencia na creación cultural”. “Para iso, cómpre convocar un concurso aberto en concorrencia competitiva, dotado cando menos cos 455.000 euros sobrantes do ano 2020”, explicou. “Lembremos que dos 600.000 euros previstos para este sector só se utilizaron 300.000 euros e que deses ficaron sen gastar 155.000 euros por problemas derivados das bases que non respondían ás necesidades do ámbito da cultura”, engadiu.