DEPORTE

Navia Rivas reclama que o Concello conceda axudas para deportistas con diversidades funcionais

Navia Rivas, concelleira do BNG
Navia Rivas, concelleira do BNG
Traslada unha iniciativa ao Pleno para a promoción de deportistas con diversidades funcionais co obxectivo de contribuír a garantir a inclusión e igualdade de oportunidades, tendo en conta que hai 290.000 euros para subvencións para o fomento do deporte federado
Navia Rivas reclama que o Concello conceda axudas para deportistas con diversidades funcionais

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021.-  A concelleira Navia Rivas trasladará ao Pleno unha iniciativa do BNG para que o Concello de Santiago inclúa na área de Deportes unha partida orzamentaria destinada a subvencións de libre concorrencia para deportistas con diversidade funcional.

“Como é coñecido, o deporte contribúe dunha maneira moi significativa á saúde da poboación xeral, así como á posibilidade de socialización das persoas, moi especialmente as que comparten un interese común, como pode ser o do deporte”, explicou a concelleira.

“Neste sentido, recollemos a demanda desde colectivos de persoas con  diversidade funcional de que se proporcionen axudas e facilidades para poder desenvolver actividades deportivas cos recursos necesarios”, sinalou. O obxectivo desta iniciativa consiste en garantir a inclusión e a igualdade de oportunidades, así como fomentar a realización de actividades deportivas e a promoción dos e das deportistas con diversidade funcional.

Nos orzamentos 2021 na área de Deportes hai unha partida de 290.000 euros para subvencións para o fomento do deporte federado, para actividades puntuais e axudar a financiar parte dos gastos nos que incorren os/as mellores deportistas individuais da cidade. “O grupo do BNG estima necesario que se destine unha partida orzamentaria para que poida haber tamén subvencións de libre concorrencia destinadas a deportistas con diversidade funcional”, sinalou Navia Rivas.

Navia Rivas reclama que o Concello conceda axudas para deportistas con diversidades funcionais