PLENO
Goretti Sanmartín propón un plan de seguranza viaria nos pasos de peóns para incrementar a accesibilidade e reducir accidentes
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021.- O grupo municipal do BNG propón que se poña en marcha un plan de seguranza viaria nos pasos de peóns co obxectivo de incrementar a accesibilidade e de reducir a sinistralidade viaria.
Trátase de darlle cumprimento á iniciativa do BNG aprobada en Pleno en xaneiro de 2020, para a realización dun plan de mellora da sinalización dos pasos de peóns co obxectivo duplo de contribuír a reducir o número de accidentes en Santiago de Compostela e, por outro lado, conseguir que eses pasos de peóns sexan accesíbeis para a maioría da poboación e, en concreto, para aquelas persoas con problemas de mobilidade. De feito, a media anual daquela era superior a 40 atropelos anuais. “Pasa o tempo e continuamos asistindo a atropelos en pasos de peóns, os últimos producíronse na rotonda da Pontepedriña, en Salgueiriños e no Ensanche, na rúa República Arxentina”, explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa.
“Estas zonas de cruce deberían estar mellor sinalizadas, iluminadas e con pintura reflectora para distinguir ben as persoas que van a pé, sobre todo cando escurece no inverno e as condicións meteorolóxicas dificultan a visibilidade para condutores/as. sinalou. Cómpre ter en conta tamén a utilización de materiais adecuados para o paso de motos e bicicletas.
De feito, hai diversos informes elaborados pola Policía local que aconsellan a colocación de elementos redutores de velocidade, sinais verticais informativos luminosos de situación de pasos de peóns en ambos os sentidos de circulación, xunto con medidas para a mellora da visibilidade, nos pasos de peóns desde a Porta do Camiño até a praza de Galiza. Noutro informe detallan “posíbeis medidas a tomar, en aras a mellorar a seguranza do tránsito peonil nos pasos de peóns, sen acometer custosos proxectos nin grandes obras”. Este documento inclúe 26 fotografías xunto con propostas concretas froito dun percorrido por distintos barrios da cidade “nos que na maioría dos casos se aprecia dificultade de visión de peóns por parte de condutores de vehículos, así como se achegan posíbeis solucións sen acometer grandes obras”.
Ademais destes informes municipais, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) realizou diversos estudos para a supresión de barreiras arquitectónicas en lugares públicos con falta de accesibilidade en Santiago. Deste xeito, describen numerosos puntos da cidade onde se deben realizar actuacións para gañar accesibilidade, xa que precisan recesos nas beirarrúas. De feito, no segundo traballo que entregaron aos grupos municipais especifican que “do que se trata, fundamentalmente, é de ofrecer solucións que se poden desenvolver dunha maneira inmediata, coa importancia que pode representar para un colectivo que día a día vivimos estes atrancos e, por outra banda, cun impacto económico que poida ser asumido polo Concello, da maneira menos lesiva para as arcas municipais”.
Esta asociación destaca, por citar algúns exemplos, a necesidade dun paso peonil na praza de España, no inicio da avenida da Coruña, que está en moi malas condicións co aglomerado cortado. En Meixonfrío, na avenida do Cruceiro da Coruña, á altura da rúa de acceso ao Polígono do Tambre, están en malas condicións tanto a pintura como o aglomerado. Hai pasos de peóns sen rampla nas rúas de San Caetano, García Lorca, Celso Emilio Ferreiro, Irmandiños, Manuel María, Jaca, Melide, avenida Xoán XXIII ou Xazmíns, entre outros. De feito, propoñen que “unha solución temporal sería facer unha cuña con aglomerado na zona do paso peonil, unha solución efectiva, rápida e económica”. Advirten tamén da necesidade de pasos de peóns en numerosos puntos da cidade que carecen del para lle dar continuidade á xente que vai a pé, en cadeira de rodas ou en scooter.
“Farmacias, centros sanitarios, centros de ensino e edificios públicos deben ter unha especial sinalización e adecuación para favorecer a mobilidade das persoas con necesidades especiais tendo en conta a grande afluencia que concitan estes espazos”, indicou Goretti Sanmartín.
Ademais, o Concello tamén podería realizar unha campaña de sensibilización para evitar o uso de teléfonos móbiles, redes sociais, aplicacións de mensaxería e auriculares que reducen a atención das persoas mentres camiñan, en zonas que requiren estar pendentes da circulación do tráfico co fin de diminuír incidencias e atropelos, segundo recolle o texto da iniciativa do BNG.