PLENO

O BNG reclama mellorar a sinalización en Castrón Douro

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
A veciñanza pide unha intervención evitar asolagamentos de vivendas e negocios na rúa do Olvido
O BNG reclama mellorar a sinalización en Castrón Douro

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021.-  O BNG reclama instalar a sinalización vertical e horizontal que corresponda e coa antelación suficiente no cruce entre Castrón Douro e Curros Enríquez co obxectivo de evitar o risco de colisión entre vehículos e de regular o tránsito nesta zona.

O grupo municipal do BNG recibiu queixas sobre a dificultade de tránsito de vehículos e peóns en Castrón Douro, derivada da falta de regulación de forma anticipada mediante sinalización vertical e horizontal do tráfico. “A posibilidade de que se produza un accidente no cruce entre Castrón Douro e Curros Enríquez é moi elevada, dado que os vehículos baixan por unha costa que pode parecer a vía principal. Cando encontran o sinal de “Ceda o paso” é xa no propio cruce sen unha advertencia nin sinalización previa”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Dentro das posíbeis solucións, neste emprazamento podería poñerse unha sinalización de “STOP” ou, como segunda alternativa, un anuncio previo de “Ceda o paso” ben visíbel, segundo corresponda, para evitar a colisión de vehículos ante esa falta de advertencia na situación actual que se encontra. Deste xeito, o BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno de marzo para que o Goberno local adopte as medidas necesarias destinadas a evitar este risco potencial de accidente.

Asolagamentos

Ademais, o BNG demanda que se arranxe a pavimentación de Castrón Douro nos tramos en que sexa necesario e que se realicen as obras de canalización necesarias para evitar asolagamentos dalgunhas vivendas e negocios na rúa do Olvido que se ven afectadas con frecuencia cando hai choivas intensas.

O BNG lembra tamén que está pendente de executar unha iniciativa que trasladou ao Pleno de xullo de 2020 para a reurbanización  de Castrón Douro, desde o cruce con Curros Enríquez, á Calzada de Sar. Esta segunda fase da intervención estaba prevista xa na programación para efectuar con fondos propios, como consta na documentación da EDUSI, co obxectivo de identificar o conxunto como remate da Ruta da Prata.

O BNG reclama mellorar a sinalización en Castrón Douro