PLENO
Goretti Sanmartín reclama que se inclúan os 43 núcleos que faltan na proposta para instalar internet no rural compostelán
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2021.- O grupo municipal do BNG trasladará unha moción ao Pleno para que o Concello adopte as medidas necesarias para axilizar as licenzas necesarias para a instalación de internet no rural compostelán.
“Tendo coñecemento de que existen 43 núcleos rurais que non se recollen na proposta para implantar internet nas aldeas de Compostela e de que existen unha serie de solicitudes de permiso para actuacións necesarias para desenvolver a fibra óptica no territorio municipal, que foron denegadas ou están pendentes de resolución, resulta imprescindíbel unha actuación decidida por parte do Goberno local para acelerar este proceso”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Deste xeito, reclamará no Pleno que se inclúan os 43 núcleos rurais que non aparecen na proposta para a conexión de fibra óptica, “co fin de non perder os fondos europeos destinados a este obxectivo para a instalación de internet de alta velocidade nestes emprazamentos”. Tamén demanda que o Goberno local estabeleza un prazo para a instalación de internet de alta velocidade na Cidade histórica e no rural compostelán.
Para reducir a fenda dixital e favorecer a igualdade de oportunidades, faise necesario promover a extensión de internet de alta velocidade a todos os núcleos de poboación, con especial atención á zona rural, ademais de facer seguimento dos convenios coas operadoras. Isto é un factor fundamental para a vertebración territorial e evitar o despoboamento no rural.
De feito, coa pandemia da covid-19 as dificultades agraváronse nos lugares con baixa ou nula conexión a internet, especialmente nas parroquias do rural, para poder seguir as aulas dixitais e os requirimentos derivados do teletraballo durante o período de confinamento decretado no Estado de Alarma e de emerxencia sanitaria.
Coa posta en marcha da administración electrónica e de diversos servizos online de empresas que se implementaron a raíz da pandemia, de continuar a carencia do servizo de internet en determinados núcleos de Santiago estase a agravar a fenda dixital e a discriminación entre residentes nunhas zonas ou noutras.
Xa en outubro de 2020, o BNG trasladou unha pregunta ao Pleno, con motivo do Día das Mulleres Rurais, para coñecer se se produciran avances do Pacto polo Rural e, en concreto, as previsións do Goberno local para xestionar coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (AMTEGA) e coas operadoras de internet a dotación do servizo de internet, que debera ter carácter universal, nos núcleos que carecen de alta velocidade. O BNG solicitaba información, naquel momento, sobre os criterios que se utilizan para priorizar a instalación en determinados núcleos e se teñen en conta propostas das asociacións veciñais e da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA).
Daquela, explicábase que no documento do Pacto polo Rural, impulsado por FERUSA e asinado por todos os grupos municipais, se inclúe un apartado sobre ‘Información, comunicación e participación’ co fin de evitar a incomunicación e illamento do rural e, en concreto, refírese a xestionar con carácter inmediato o acceso a internet, segundo as prioridades consensuadas coas asociacións veciñais das distintas parroquias.
Ademais, lembrou que o BNG conseguiu en decembro de 2020 un acordo parlamentar para instar a Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno do Estado para que estabeleza os mecanismos económicos e legais para que na Galiza rural exista unha cobertura de TDT, de conexión móbil e de conexión a internet con banda larga sen diferenzas entre as persoas, empresas ou particulares polo lugar en que vivan, máxime cando haberá fondos europeos para o período 2021-2027 que permitirán este impulso. Ademais, o acordo inclúe que o Parlamento insta a Xunta de Galiza a impulsar os mecanismos, en colaboración co Goberno do Estado para non deixar Galiza atrás no reparto dos fondos europeos e na súa aplicación no rural.