ORZAMENTOS

O BNG planta a Bugallo no Pleno da cuestión de confianza ligada á aprobación dos Orzamentos

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
“Os cartos son diñeiro público, de todas as santiaguesas e de todos os santiagueses, non prebendas que reparte Mr. Marshall”, advirte Goretti Sanmartín
O BNG planta a Bugallo no Pleno da cuestión de confianza ligada á aprobación dos Orzamentos

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021.-  O grupo municipal do BNG saíu do Pleno tras a intervención da súa portavoz, Goretti Sanmartín, e eludiu participar na votación en que o alcalde se someteu a unha cuestión de confianza vinculada á aprobación do Orzamento de 2021. “Ao alcalde gústalle xogar no límite, correr riscos, como un kamikaze que se mete na autoestrada en sentido inverso e culpa os coches que van no sentido da marcha”, advertiu.

O BNG levaba desde setembro de 2020 a demandar que se iniciase o proceso de elaboración dos Orzamentos, para ter en conta as peticións da veciñanza e de sectores afectados pola crise da covid-19, mais a proposta do PSOE non incluíu diversas medidas que se reclamaban nin se abriu un prazo de negociación cos grupos municipais antes do Pleno para a súa aprobación. Ao estar en minoría o equipo de Goberno, perdeu a votación e o alcalde tivo que convocar outra sesión ligada a unha cuestión de confianza, “coa chantaxe de que disto depende a concesión de axudas, licitación de obras e de servizos públicos que levan meses de demora”.

“Non poden continuar xogando ao conto de que ‘se non aprobamos o orzamento non hai axudas nin vai poder facerse isto ou aquilo’, porque lembren que os cartos son diñeiro público, de todas as santiaguesas, de todos os santiagueses, non prebendas que reparte Mr. Marshall”, afirmou Goretti Sanmartín.

“Esta actitude do alcalde é inconcibíbel nestes momentos en que a veciñanza e os sectores máis castigados pola crise reclaman entendemento e responsabilidade por parte das súas persoas representantes no Concello de Santiago”, indicou. Por iso o BNG propuxo retirar ese punto da orde do día do Pleno e negociar, proseguiu, “para rematar con esa aposta pola soidade e por facer ouvidos xordos a todo o que veña das outras, dos outros”. “Mais non esquezan que os procedementos son a propia política e que teñen a irresponsabilidade de saltar por riba de todos os procedementos, de non gardar nin as mínimas formas de ética democrática”, engadiu.

Non inclúen 5 millóns para novas axudas a comercio, hostalaría e cultura

No proxecto de Orzamentos presentado por Bugallo non incluíron propostas do BNG como compromiso de dedicar 5 millóns de euros a novas axudas para o comercio, o turismo, a hostalaría e a cultura.

Tampouco recolle as do Pacto polo Rural para a realización do saneamento e abastecemento, nin a creación dun servizo de control das empresas concesionarias de servizos. Nin atende as demandas dos centros educativos e das ANPA; nin os aparcadoiros soterrados no Campus sur e en Belvís; a reforma fiscal para que as empresas eléctricas paguen polo uso do dominio público nin a rebaixa de impostos para familias monoparentais. O proxecto para unha planta de compostaxe de residuos que pode crear 150 postos de traballo, os plans de mellora e accesibilidade do barrio da Estila e das Fontiñas, ademais dos parques cubertos nas Fontiñas e no Castiñeiriño que reclama a veciñanza, tampouco aparecen.

“Un goberno en minoría ten que negociar e no BNG ausentámonos do Pleno por responsabilidade ante o fracaso estrepitoso dun proxecto do PSOE que está completamente esgotado e sen capacidade de actuación, tanto no ámbito urbano como no rural”, explicou Goretti Sanmartín.

“E xustamente por responsabilidade, mais tamén para non escoitar máis mentiras e terxiversacións, para non participar neste paripé que vostede deseñou, o BNG abandona o Pleno ante o fracaso estrepitoso dun proxecto do PSOE que é unha fraude e un engano á poboación” porque coa liquidación dos Orzamentos volverase ver como “os proxectos e as mentiras continuarán a formar parte das súas obras”, sinalou.

O BNG planta a Bugallo no Pleno da cuestión de confianza ligada á aprobación dos Orzamentos