O BNG propón que se inclúan nos Orzamentos municipais as obras da terceira fase da rúa Pastoriza ata San Caetano
Este proxecto vai destinado a conseguir unha contorna humanizada, con incremento da seguranza viaria e peonil, ademais da mellora estética e urbana
Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2020.- O grupo municipal do BNG presentará unha moción no Pleno destinada a concluír a terceira fase das obras do proxecto entre a praza da Paz e San Roque, na zona pendente dos Basquiños á rúa da Pastoriza, en San Caetano. “O BNG proporá que o Concello de Santiago de Compostela realice as xestións necesarias e inclúa nos Orzamentos de 2021 a consignación para as obras do proxecto de reurbanización da praza da Paz a San Roque, no final da fase entre a praza da Paz e Os Basquiños”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal.
O Concello de Santiago ten pendente de realizar a conclusión da terceira fase das obras de San Caetano entre a praza da Paz e a rúa Pastoriza, até o inicio dos Basquiños para completar o itinerario até San Roque. Este proxecto vai destinado a conseguir unha contorna humanizada, con incremento da seguranza viaria e peonil, ademais da mellora estética e urbana para esta arteria usada para o acceso e saída do centro da cidade.
Goretti Sanmartín lembrou que este proxecto, que se enmarcaba no programa Urbana Santiago Norte, se programou en diversas fases que tiveron numerosos atrancos tanto no cronograma previsto como na propia execución das obras. En 2013 anunciouse a realización dos estudos do estado dos servizos básicos, os proxectos e informes de topografía e patrimonio necesarios para esta intervención urbanística.
Con estas obras estaba previsto ampliar as beirarrúas, resolver os desniveis existentes na rúa e crear unha zona de estar no espazo máis próximo a San Caetano, co obxectivo de darlle prioridade ao uso peonil coa creación de beiravías e a renovación das redes de augas pluviais, de saneamento e de gas. Cómpre lembrar que esta era unha das zonas que requiría a renovación da rede de saneamento.
En 2015 a veciñanza alertou do cambio da pedra das históricas escaleiras da capela da Pastoriza, que foi substituída por outra nova, pese ao seu valor patrimonial. En concreto, mudouse a pedra do podio que dá acceso á igrexa erixida nos anos 1761-62 con fachada de historicismo clasicista e que foi remodelada no segundo cuarto do século XIX aínda que, por planos antigos, sábese que no lugar houbo con anterioridade unha ermida.
En 2016 o Concello tivo que ocuparse da reparación das arquetas que quedaron mal instaladas nos Basquiños durante as obras de reurbanización da rúa efectuadas entre 2014 e 2015. Logo das queixas da veciñanza polo ruído que producían as arquetas ao paso dos vehículos, a empresa adxudicataria das obras tivo que proceder a reparar o problema que se detectou cando aínda estaba en garantía.
En 2018 as obras sufriron unha importante demora e, durante meses, no cruce da subida da Pastoriza quedaron zonas con cemento á vista sobre a pedra, tapas de saneamento mal asentadas, fochancas e lousas arrincadas. Mesmo deixaron as casetas de obra ocupando boa parte de espazo público de tránsito peonil. Isto provocou de novo malestar entre a veciñanza e centos de persoas que acoden a diario por esta área, tanto a pé como en coche, debido á proximidade cos edificios administrativos da Xunta. Nesta zona quedaron espazos con desniveis que cando chove quedan encharcados e provocan numerosas caídas de persoas ao non apreciarse a simple vista a elevación da superficie.
Para o BNG, é necesario completar estas obras de reurbanización entre a praza da Paz e Os Basquiños para rematar este proxecto e que permita gañar calidade urbana, que tamén se mide polo resultado das intervencións e o seu tempo de execución que, neste caso, sufriu importantes interrupcións que provocaron molestias innecesarias á veciñanza e mesmo poden encarecer o orzamento inicial previsto en 1,5 millóns de euros para todas as fases.