O BNG propón incrementar en máis de 15 millóns de euros as partidas dos Orzamentos da Xunta de 2021 para Santiago que se suman a novos plans transversais
Inclúe emendas para plans de rescate para cultura (28 millóns), hostalaría (44 millóns) e turismo (15 millóns) e un plan de emprego para a mocidade (5 millóns)
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, e a deputada parlamentar Iria Carreira presentaron as emendas aos Orzamentos da Xunta para Santiago de Compostela e destacaron que, ademais das transversais para todo o país, propoñen incrementar máis de 15 millóns de euros “para conseguir que a Xunta teña a capital de Galiza na consideración que merece e non continúe deixando de lado demandas históricas e necesidades fundamentais neste contexto de crise económica para non empeorar as condicións de vida da poboación”.
Iria Carreira explicou que os Orzamentos da Xunta para 2021 “non están á altura dos tempos actuais e aínda que se produce un incremento dos recursos é insuficiente e levan un enfoque neoliberal que incide novamente en afondar nas desigualdades sociais e territoriais”. “O Goberno de Feijóo desaproveita a oportunidade de facer desta crise un momento de crecemento e de aposta real polo sector público, que está abandonado tanto no ámbito educativo como sanitario”, engadiu.
Así, no ámbito da sanidade, subliñou o papel da atención primaria, a saúde mental e da prevención do suicidio. “Por iso presentamos unha emenda para un novo modelo de atención primaria con 250 millóns de euros e para o plan de saúde mental 21 millóns de euros”, sinalou.
“Outro sector que se viu abandonado nesta crise da covid é o do ensino e por iso presentamos unha Estratexia galega para o ensino público, que presta atención ao aumento do profesorado, escolas rurais e escolas infantís con 242 millóns de euros”, explicou, ademais dun Plan de continxencia da covid-19 para os centros de ensino con 25 millóns e un Plan de financiamento ás universidades con 40 millóns de euros, da que a USC se vería beneficiada.
Outros aspectos que o BNG considera importante destacar pola súa incidencia en Compostela son o Plan de reactivación e impulso dos sectores culturais, con 28 millóns, e o Pacto galego contra a violencia de xénero por 115 millóns, ademais dun Plan urxente de apoio e reorientación ao modelo turístico por 44 millóns de euros, o Plan de rescate de hostalaría e negocios asociados con 15 millóns de euros e o Plan de rescate de autónomos/as con 40 millóns de euros. A isto súmase a Estratexia galega de incremento do parque de vivenda pública en aluguer e mobilización de vivenda baleira con 5 millóns de euros, ademais doutros 5 millóns para a creación dun Plan de emprego e emancipación da mocidade. De todos estes plans contidos nas emendas do BNG, a veciñanza de Santiago veríase beneficiada.
Pola súa parte, Goretti Sanmartín cualificou estas emendas como “moi positivas para Santiago, cunha importancia fundamental para a dinamización económica, para a innovación e para a creación de emprego e agardamos que se incorporen para poder ter uns Orzamentos anti-crise”.
Así, destacou emendas específicas para Santiago como a do saneamento e abastecemento do rural con 1,5 millóns de euros, que está esquecido nestes Orzamentos da Xunta pese a ser unha demanda da veciñanza; para crear unha planta de compostaxe que permita unha nova política de residuos unha partida de 500.000 e outros 500.000 para a nova depuradora que non pode adiarse ao 2022. Outras emendas van para investimentos aos que, ano tras ano, leva dándolles as costas como o novo edificio da Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio Profesional de Música e, como novidade, introduce o proxecto do Conservatorio Profesional de Danza, así como a escola infantil de Santa Marta.
Explicou, ademais, que a Xunta debe apoiar a Cidade histórica, con dotación de servizos para asentar residentes, “por iso é importante que haxa un investimento grande en rehabilitación coa proposta de viveiros de comercio para que novos/as profesionais poidan instalarse e crear novos negocios”. Así, o BNG propón emendas de 5 millóns de euros para incrementar as partidas destinadas ao Estatuto de Capitalidade e do Consorcio da Cidade de Santiago.
“O BNG vai presentar emendas transversais de rescate de determinados sectores fundamentais para Compostela para apoiar a cultura, autónomos/as, hostalaría, turismo, universidade, centros de ensino, mobilización de vivenda baleira, potenciación de vivendas sociais e plan de emprego para a mocidade”, sinalou Goretti Sanmartín. E tamén presentará emendas concretas como a Escola Oficial de Idiomas, Conservatorio de Música, Conservatorio de Danza, saneamento no rural, planta de compostaxe e a escola infantil de Santa Marta, ademais do Estatuto de Capitalidade e do Consorcio. “Serán máis de 15 millóns de euros que desde o BNG acrecentamos como emendas aos Orzamentos da Xunta para 2021”, concluíu.