LINGUA

O BNG propón que se exhiba en Santiago a exposición da Deputación sobre Carvalho Calero

Carvalho Calero
Carvalho Calero
Esta mostra constitúe unha oportunidade para que a veciñanza de Compostela poida coñecer, tamén en 2021, detalles da vida e da obra deste escritor e profesor tan vinculado á cidade
O BNG propón que se exhiba en Santiago a exposición da Deputación sobre Carvalho Calero

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, proponlle ao alcalde que realice as xestións necesarias para que Santiago de Compostela acolla a exposición sobre Ricardo Carvalho Calero que organiza a área de Normalización lingüística da Deputación da Coruña, tendo en conta a vinculación coa cidade deste escritor e co obxectivo de proseguir coa divulgación da súa obra.

Esta mostra de carácter itinerante ten previsto percorrer Ferrol, A Coruña e Carballo, entre outras localidades, e está composta por 13 paneis con textos e fotografías para a súa exposición ao aire libre.

Para o BNG, este evento constitúe unha oportunidade para que a veciñanza de Compostela poida coñecer detalles da vida e da obra deste escritor e profesor que deixou pegada da cidade en moitas das súas publicacións, ademais de contribuír á formación académica de xeracións de estudantes.

Deste xeito, Goretti Sanmartín reclámalle ao Goberno local de Santiago que se implique tamén en 2021 na difusión desta figura á quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas como demandan diversos colectivos culturais para estender o seu coñecemento máis alá do ámbito educativo, posto que resulta fundamental polas súas contribucións na investigación literaria e sociolingüística e tendo en conta que, por mor da pandemia, non se puideron organizar os actos conmemorativos previstos no mes de maio e durante o ano de conmemoración de Carvalho Calero con normalidade.

Ademais, a portavoz municipal do BNG convidou a visitar a exposición “A voz presente” comisariada por AGAL, no Auditorio de Galiza, complementaria con estoutra da Deputación da Coruña que pode estar ao aire libre e instalarse nalgún lugar emblemático como a alameda de Santiago, moi próxima ao lugar de residencia do propio Ricardo Carvalho Calero.

O BNG propón que se exhiba en Santiago a exposición da Deputación sobre Carvalho Calero