OBRAS

O BNG propón que se instale iluminación no aparcadoiro de Altiboia

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartín reclama un sistema de sensores de detección de movemento, de baixo consumo enerxético e de proxección descendente para evitar que se incremente a contaminación lumínica
O BNG propón que se instale iluminación no aparcadoiro de Altiboia

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclámalle ao Goberno local que faga as xestións necesarias para instalar iluminación na zona do aparcadoiro de Altiboia, ante as queixas recibidas.

Para o BNG, é preciso que estas obras de acondicionamento do aparcadoiro de Altiboia se complementen coa iluminación necesaria para ofrecer maior visibilidade e seguranza ás persoas usuarias, mediante un sistema de sensores de detección de movemento, de baixo consumo enerxético e de proxección descendente para evitar que se incremente a contaminación lumínica. Isto faise especialmente necesario durante o inverno, cando hai menos horas de luz e o tempo meteorolóxico é adverso.

A reforma e ampliación deste aparcadoiro situado a carón do Conservatorio Profesional de Música dá servizo á veciñanza da contorna de Rodríguez de Viguri e de Monte dos Postes, entre outros, ao contar con arredor de 100 prazas froito dos acordos de negociación do BNG para a súa inclusión nos Orzamentos e no plan de destino dos remanentes de tesouraría.

Con todo, este aparcadoiro non é a solución para a veciñanza de San Pedro e dos Concheiros, que leva tempo a reclamar novas prazas en zonas alternativas ao verse afectada pola redución de prazas en superficie por mor das obras de remodelación deste barrio, polo que o BNG segue a demandar que se habiliten novos espazos para lles dar unha solución e aliviar o tráfico na zona.

 

O BNG propón que se instale iluminación no aparcadoiro de Altiboia