PLENO

Apróbanse as proposicións do BNG para axilizar a licitación dos servizos municipais sen contrato e incluír a reserva dun lote para centros especiais de emprego para iniciativa social

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
O BNG impulsou unha moción conxunta para denominar “Exeria” a nova praza entre a avenida de Lugo e Os Concheiros
Apróbanse as proposicións do BNG para axilizar a licitación dos servizos municipais sen contrato e incluír a reserva dun lote para centros especiais de emprego para iniciativa social

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno unha proposición para axilizar e transparentar a licitación dos servizos públicos que seguen sen contrato e un procedemento de control das empresas concesionarias. Deste xeito, Goretti Sanmartín propuxo que se liciten os contratos de transporte público, de recollida de residuos e de centros socioculturais de xeito inmediato, ademais de estabelecer as necesarias canles de diálogo coa representación das traballadoras e dos traballadores destas concesionarias para coñecer as súas demandas e suxestións de mellora dos servizos públicos municipais para incluír nos pregos. Esta proposición aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PP; e o PSOE abstívose.

Goretti Sanmartín referiuse na súa intervención a que o pasado 5 de xuño de 2020 se anunciou o Plan de Contratación do Concello, que inclúe 113 contratos por un valor de 800 millóns de euros, equivalente a 8 orzamentos municipais. “Este plan publicitouse de xeito propagandístico sen ningún tipo de debate nin consenso, sen nin tan sequera escoitar o que teñen que dicir traballadores/as que coñecen ben as necesidades, a veciñanza e sectores afectados nin os diferentes grupos municipais a que, sen lugar a dúbida, este goberno pretende furtarlles a capacidade de facer a súa tarefa de control e negarlles as posibilidades de ofrecer achegas”, destacou.

Aprobouse tamén a proposición do BNG sobre a inclusión dos centros especiais de emprego de iniciativa social sen ánimo de lucro nos contratos públicos cos votos de BNG, CA e PP e a abstención do PSOE. Deste xeito, o Concello de Santiago de Compostela deberá impulsar na contratación do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo a reserva dun lote para centros especiais de emprego para iniciativa social sen ánimo de lucro, co obxectivo de favorecer a inclusión sociolaboral das persoas con diversidades funcionais e discapacidade e en situación de risco de exclusión social. Ademais, segundo defendeu a concelleira Navia Rivas, acrecentarase nos procedementos de contratación a vontade de comprometer as empresas licitadoras na promoción dunha sociedade máis responsábel, xusta e sustentábel mediante a aplicación nos criterios de valoración das ofertas das cláusulas IRIS para incrementar a perspectiva social no relativo á promoción da igualdade, estabilidade no emprego, seguridade e saúde laborais e calidade social das propostas de licitación. “Cómpre, ademais, facer un seguimento da execución dos contratos con informes que acrediten que se cumpre co acordado no Concello e cos pregos e, en caso contrario, esixir as penalizacións que figuran nos pregos”, sinalou na súa intervención.

Ademais, o BNG impulsou unha moción conxunta para convocar o Consello Asesor de Condecoracións para atender a petición de denominar “Exeria” a nova praza entre a avenida de Lugo e Os Concheiros, ademais de realizar nese emprazamento unha intervención cultural e artística que remarque a figura desta muller e a súa importancia na cultura galega, tal como propuxo a Asociación de Mulleres Cristiás Galegas.

Aprobouse tamén a moción do BNG, de acordo coa proposta da asociación veciñal Rego das Pedras de Marantes, para a sinalización e posta en valor dunha ruta cultural entre Barciela e Marantes, e instar a Xunta a estudar a posibilidade de considerala unha variante ao Camiño Inglés, dando a coñecer o seu patrimonio natural e cultural vinculado á tradición xacobea. Votaron a favor BNG, PSOE e CA; o PP abstívose.

Ademais, o BNG trasladou unha moción para instar a Xunta a que incremente o Fondo de Cooperación Local para facultar os concellos a sufragar gastos derivados da prevención da pandemia da covid-19 e tamén para que manteña a asignación da bolsa de horas extraordinarias do Servizo de Axuda no Fogar mentres dure a situación de emerxencia sanitaria. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PSOE; mais o PP votou en contra.

Outra das mocións foi para que o Concello se solidarice coas demandas do persoal da UCI do CHUS en folga e reclamarlle á Xunta que realice, de urxencia, as melloras nas UCI-A para favorecer as condicións de saúde laboral destes/as profesionais que están en primeira liña na atención sanitaria da covid-19. A Xerencia incumpriu o acordado cos/as profesionais antes do verán, de facer unha UCI-A con cubículos para que os/as traballadores/as non estivesen xornadas de 7 a 10 horas cos equipos de protección individual (EPI) sen poder descansar. Aprobouse cos votos de BNG e CA; o PSOE e PP abstivéronse.

O BNG trasladou tamén a reclamación da veciñanza das Fontiñas para reclamar diálogo do Goberno local, xa que non foi consultada ante a decisión de instalar o mercado ambulante na rúa París e co fin de que se estude outro emprazamento.

O BNG trasladou ao Pleno a preocupación de vendedores/as da praza de abastos ante a posibilidade de que abra un supermercado, non só de produtos en seco, que entraría en competencia cos postos tradicionais na venda de produto fresco, ademais da necesidade de facer unha reordenación do tráfico na subida desde Virxe da Cerca a San Fiz.

Ademais, Goretti Sanmartín formulou unha pregunta sobre a necesidade de reunirse coa Ferusa e coas asociacións do rural para decidir e consensuar cales son as obras prioritarias para incluír no POS 2021, tendo en conta Santiago vai recibir 1.669.308 euros iniciais do Plan único da Deputación, xustamente por ser un concello rural.

Apróbanse as proposicións do BNG para axilizar a licitación dos servizos municipais sen contrato e incluír a reserva dun lote para centros especiais de emprego para iniciativa social