PLENO

O BNG traslada ao Pleno a creación da ruta cultural en Barciela e Marantes que propón a veciñanza

BNG
BNG
Trátase de recuperar un tramo antigo do Camiño Inglés con abondoso patrimonio natural e cultural vinculado á tradición xacobea
O BNG traslada ao Pleno a creación da ruta cultural en Barciela e Marantes que propón a veciñanza

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, proporá no Pleno a creación da ruta cultural de Barciela e Marantes, como alternativa ao Camiño Inglés, tal como reclama a asociación veciñal Rego das Pedras, para recuperar o antigo trazado do Camiño de Santiago e pór en valor o patrimonio existente.

Segundo trasladaron desde esta asociación veciñal ao BNG, con esta ruta cultural pódense dar a coñecer a igrexa de Santo Andrés da Barciela, a Fonte dos Ingleses e a capela da Agualada cun claustro románico atribuído ao obradoiro do Mestre Mateo. Cómpre ter en conta as actuacións desenvolvidas polo Consorcio da Cidade para a rehabilitación deste templo, polo que representa unha boa oportunidade para a súa difusión entre a propia veciñanza de Compostela e as persoas visitantes.

O itinerario proposto tamén inclúe o paso por zonas verdes, xa que transcorre por un 80% de vías forestais con árbores frondosas e sen tráfico. Ademais, no lugar de Agualada, existe unha zona verde de titularidade municipal cunha carballeira dotada con parque infantil, pista polideportiva e bancos con mesas de madeira que complementa esta ruta como área para o descanso.

A isto súmase que na variante proposta a seguranza viaria é moito maior que no actual trazado do Camiño Inglés, xa que evita calquera cruce da N-550 en superficie e úsase un paso inferior xa existente no lugar de Agualada.

Deste xeito, o BNG trasladará unha moción ao Pleno de decembro para instar a Xunta a crear a ruta cultural de Barciela e Marantes, como variante ao Camiño Inglés, cunha senda de 5 km cun desvío á altura da indicación km 15,780 e o seu final no km 10,852 para a recuperación do antigo trazado do Camiño de Santiago.

O BNG traslada ao Pleno a creación da ruta cultural en Barciela e Marantes que propón a veciñanza