PLENO

O BNG propón medidas para incluír melloras e axilizar a licitación dos servizos municipais sen contrato

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Reclama transparencia e diálogo por parte do Goberno local do PSOE cos demais grupos municipais e cos comités de empresa deses servizos en precario, ademais de adoptar un procedemento de control das concesionarias
O BNG propón medidas para incluír melloras e axilizar a licitación dos servizos municipais sen contrato

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, defenderá no Pleno unha proposición para axilizar e transparentar a contratación dos servizos públicos en precario e un procedemento de control das empresas concesionarias. “Propoñemos que se liciten os contratos de transporte público, de recollida de residuos e de centros socioculturais de xeito inmediato, ademais de estabelecer as necesarias canles de diálogo coa representación das traballadoras e dos traballadores destas concesionarias para coñecer as súas demandas e suxestións de mellora dos servizos públicos municipais para incluír nos pregos”, explicou.

Na iniciativa que o BNG rexistrou o pasado venres 5 de decembro, destaca que na memoria dos Orzamentos de 2020 se sinalaba que o reto deste Goberno municipal era a licitación e adxudicación de contratos básicos e estratéxicos para este concello. Para tal fin, no proxecto destes Orzamentos incluíuse crédito adecuado e suficiente para facer fronte á licitación e, no seu caso, adxudicación dos contratos. “Para iso, cumpría actuar con dilixencia e cun cronograma para axilizar redacción dos pregos de licitación deses contratos, en troques de proceder nalgúns casos á vía da súa externalización, posto que o persoal municipal de cada servizo ten coñecementos e experiencia que achegar a eses procedementos”, sinalou.

Meses despois, o 5 de xuño de 2020 anunciouse o Plan de Contratación do Concello de Santiago, que inclúe 113 contratos por un valor próximo aos 800 millóns de euros, coa intención de proceder á licitación inmediata dos servizos de transporte público, de recollida e tratamento de lixo e de centros socioculturais, entre outros, sen contar coas achegas dos grupos municipais, a pesar de que se trata dunha cantidade económica moi elevada e que vai condicionar o futuro modelo de cidade para a vindeira década. De feito, ese plan elaborado sen transparencia nin participación social supón 8 veces o orzamento anual municipal (116.975.595 euros en 2020).

A idea da inminencia de licitación deses contratos reforzouse en diversas ocasións por parte do Goberno local con anuncios de que se ían publicar entre xullo e setembro mais a realidade é que, coa demora, se incrementaron as queixas de persoas usuarias e traballadoras destas contratas pola precariedade e inestabilidade que xera esta situación. Así, son crecentes as dificultades para o desempeño do seu labor, como ten manifestado en diversas ocasións con protestas, mesmo diante do propio Pazo de Raxoi, persoal das empresas concesionarias.

En marzo de 2018, á vista de que diversos servizos estaban a funcionar sen contrato, o BNG trasladou ao Pleno unha proposición para axilizar o procedemento administrativo dos servizos municipais externalizados que operaban sen contrato e para realizar un calendario para normalizar a situación, de acordo coa Lei de Contratos do Sector Público, co fin de resolver as anomalías e a inseguranza xurídica e laboral de traballadores e traballadoras.

Ademais, destacou o feito de non facer partícipes os grupos municipais do proceso de elaboración dos pregos nin das mesas de contratación, cando poderían enriquecer coas súas achegas o mellor funcionamento e control destes servizos públicos.

Súmase a esta falta de transparencia a escasa vontade, falta de diálogo e de entendemento por parte do Goberno local con representantes dos comités de empresa deses servizos que se prestan en precario, cando son coñecedores das necesidades reais que deben incluír os pregos de contratación para mellorar a súa prestación e cumprir os convenios laborais.

O BNG propón medidas para incluír melloras e axilizar a licitación dos servizos municipais sen contrato