PLENO

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a proposta da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas de nomear “Exeria” a nova praza entre a avenida de Lugo e Os Concheiros

Esta muller peregrina do século IV escribiu un Itinerario no que recolleu todas as investigacións e impresións da viaxe

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a proposta da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas de nomear “Exeria” a nova praza entre a avenida de Lugo e Os Concheiros

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, proporá no Pleno que o Concello de Santiago de Compostela convoque o Consello Asesor de Condecoracións para atender a petición de denominar “Exeria” a nova praza entre a avenida de Lugo e Os Concheiros, ademais de realizar nese emprazamento unha intervención cultural e artística que remarque a figura desta muller e a súa importancia na cultura galega.

“Para incrementar a visibilidade das mulleres nas rúas e prazas da cidade, a Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria trasladou a proposta de incluír o nome de Exeria, unha peregrina que habitou en Gallaecia do século IV, nesta nova praza que se abrirá no Camiño de Santiago”, sinalou.

Exeria é unha muller relacionada co feito diferencial cultural galego. A Xeración Nós sitúa os inicios do feito diferencial galego nos séculos IV-VI. O mesmo Daniel Castelao, no seu Discurso Alba de Gloria, pronunciado no Teatro Arxentino de Bos Aires o 25 de xullo de 1948, evoca os símbolos da nosa historia, tanto xeográficos como humanos soñando cunha Santa Compaña encabezada por Prisciliano e Exeria, persoas que a Xeración Nós considera os primeiros fitos diferenciais da cultura galega.

Exeria non só camiñou, senón que escribiu un Itinerario no que recolleu todas as investigacións e impresións que a ían sorprendendo na viaxe. O Itinerario, escrito en latín coloquial e dedicado ás súas amigas, dános idea dunha muller que comparte vida con outras ás que quere facer partícipes das súas descubertas. Ao ser unha praza que utilizarán peregrinas e veciñas da nosa cidade, poñerlle o nome de Exeria fará que moita xente, galega e de fóra, se achegue a esta muller da Gallaecia, coñeza a súa obra e valore a importancia que a cultura tiña xa na nosa terra no século IV.

Intervención cultural e artística

Ademais de darlle nome á praza, propoñen incrementar o contido por medio dunha intervención cultural e artística que remarque a figura de Exeria e a súa importancia na cultura galega. Deste xeito, propoñen tamén a posibilidade, en coordinación co Departamento de Cultura do Concello, de organizar algún tipo de acto cultural na cidade que visibilice máis aló do seu nome esta peregrina e escritora.

Elixir o nome de Exeria é importante porque hai moi poucas referencias a esta muller en Galiza. Tan só un edificio das instalacións da Universidade de Vigo leva o seu nome. Se Compostela é a capital de Galiza e un centro de peregrinación mundial, é de lei remarcar o nome desta peregrina galega nalgún espazo de relevancia para o conxunto da cidade.

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a proposta da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas de nomear “Exeria” a nova praza entre a avenida de Lugo e Os Concheiros