ENSINO

Goretti Sanmartín: “O Concello quere afogar o programa de conciliación de Nadal ao duplicar o prezo das actividades”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
O BNG propuxo no Pleno duplicar a oferta e reducir os prezos para axudar as familias neste momento de crise
Goretti Sanmartín: “O Concello quere afogar o programa de conciliación de Nadal ao duplicar o prezo das actividades”

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, advertiu de que o Goberno local de Sánchez Bugallo continúa a darlle as costas á comunidade educativa e á conciliación ao presentar un programa de conciliación de Nadal que dificulta a oferta axeitada para pais e nais que a precisen, de tal maneira que duplica o prezo a respecto da edición anterior e a calidade das actividades é mellorábel.

“En 2019 polos mesmos 9 días o prezo eran 181 euros para a modalidade completa e neste ano, de crise económica para as familias, o prezo que se propón é de 357 euros”, sinalou. “Este prezo non é competitivo con outras ofertas doutras entidades que existen en Santiago e non é de recibo que sexa moito máis caro cando é un servizo público”, engadiu Goretti Sanmartín.

Alén diso, non se permite asistir por días soltos cando sempre existiu esa modalidade para favorecer a conciliación e cando houbo unha proposta do BNG no Pleno de novembro, na liña do que reclaman historicamente as ANPA, para que houbese un incremento do número de prazas e de espazos para que puidese haber días soltos, tendo en conta a situación especial que viven as familias cos cambios laborais de traballo e teletraballo.

Ademais, hai unha redución do número de prazas ofertadas, das 100 do ano pasado ás 55 deste ano. “Parece que este Goberno local quere que se suprima o programa con esta redución, pois é unha maneira de afogalo progresivamente”, destacou.

Para alén diso, non hai na oferta un programa educativo definido, pois son actividades que, desde unha perspectiva de calidade educativa e de tempo de lecer son mellorábeis e sen atractivo para a infancia.

“Non entendemos que está a facer este Goberno municipal no ámbito educativo, pois xa comezou rompendo o servizo universal de comedores ao restrinxir este dereito dun servizo público e agora, con esta proposta de programa de conciliación de Nadal”, afirmou a portavoz do BNG. Esta convocatoria sae demasiado tarde, cando as familias teñen outras propostas máis baratas e de maior calidade. “Este concello, capital do país, non está á altura con este programa de conciliación de Nadal que presentaron nin desde a perspectiva de lugares, nin de número de prazas, nin de prezos que deberían reducirse neste ano de crise económica”, concluíu.

Goretti Sanmartín: “O Concello quere afogar o programa de conciliación de Nadal ao duplicar o prezo das actividades”