O BNG propón no Pleno que o Concello de Santiago condene o franquismo no 80 aniversario do alzamento
Avoga por organizar unha homenaxe pública aos 226 veciños e veciñas que sufriron represión na ditadura
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2016.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno unha moción para que o Concello de Santiago de Compostela exprese a súa condena do golpe de Estado militar de 1936 e da ditadura franquista.
No 80 aniversario da Guerra civil española, o BNG quere que o Concello de Santiago de Compostela promova o desenvolvemento dun programa de actividades en colaboración con entidades da memoria e concellos arredor da memoria histórica, a represión e a resistencia contra o fascismo.
A iniciativa recolle tamén que o Concello de Santiago de Compostela acorde a eliminación, supresión ou anulación dos acordos, distincións e símbolos que reflictan a adhesión e colaboración da institución coa ditadura.
Ademais, o BNG avoga por organizar unha homenaxe pública aos 226 veciños e veciñas que, segundo datos recollidos na investigación Voces e Nomes, sufriron represión derivada da ditadura franquista, coa impresión dos seus nomes nun monumento.
A represión foi especialmente violenta nos anos da guerra e materializouse en Galiza no asasinato de máis de 5.000 persoas e noutras múltiples formas de violencia física: encarceramentos masivos, violacións, malleiras, rapado do cabelo, inxestión de aceite de rícino. Unha represión que se exerceu con características especialmente violentas e machistas no caso das mulleres.
Malia ter transcorrido xa máis de 40 anos do final da ditadura e da restauración do réxime democrático, o Estado español carece dunha auténtica política pública da memoria que permita o coñecemento da verdade histórica, a reparación e rehabilitación das vítimas, o exercicio da xustiza e a superación da fenda e das feridas físicas e morais causadas polo levantamento militar e a ditadura. As institucións públicas deben ter unha posición clara de condena do golpe de Estado do 36, da ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galegos e galegas nese terríbel período histórico, recolle o texto da moción.
Así pois, o 80 aniversario do inicio da represión constitúe unha boa oportunidade para expresar o compromiso cos valores democráticos e a condena da ditadura franquista. No caso dos concellos e deputacións, existe ademais unha obriga ética e política clara a este respecto porque, por unha parte, dirixentes políticos destas institucións e persoal ao seu servizo foron obxecto de represión e persecución en forma de asasinato, cárcere, depuración e outras múltiples formas de violencia. E, por outra, as institucións locais foron parte do aparato administrativo e político que impuxo a ditadura, o terror e a toda a súa simboloxía en Galiza. Ánxel Casal, o alcalde de Santiago de Compostela naquela altura, foi o máximo expoñente deste feito ao ser paseado.