Esixímoslle ao alcalde que rectifique os 1.000 euros de fianza para a homenaxe a Castelao e Rosalía
Esta solicitude de aval inxusta e abusiva prodúcese logo dun decreto anunciado por Martiño Noriega que anula as fianzas para actos públicos
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2016.- O Concello de Santiago volve pedirlle, por segunda vez, unha fianza de 1.000 euros á organización Galiza Nova para a homenaxe a Rosalía e Castelao en Bonaval, un acto que se celebra cada 24 de xullo na véspera do Día da Patria Galega con lectura de textos e unha actuación musical, segundo explicaron Rubén Cela e Alberte Mera en rolda de prensa.
Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, cualificou esta petición de inxusta e abusiva para unha entidade xuvenil de esforzo militante e afirmou que supón un ataque á organización deste acto para que poida saír adiante. Cómpre lembrar que foi dende a entrada de Compostela Aberta no Goberno local cando se solicitou este aval económico, nunca antes nos seus 19 anos de existencia. Nin sequera o PP nos pedira un desembolso semellante, afirmou Alberte Mera, nin a Igrexa solicita fianza para a ofrenda floral posterior no Panteón de Galegos Ilustres.
Ademais, sinalou que esta petición de 1.000 euros chega con moi pouco prazo, pese a que se informou da súa celebración hai máis dun mes, o que dificulta aínda máis que se poida reunir esa cantidade económica. Agardamos, por parte de Galiza Nova, que o Concello rectifique esta decisión para calquera entidade e asociación nas celebracións do Día da Patria, explicou Alberte Mera.
O BNG foi especialmente crítico coa ordenanza mordaza de usos e ocupación da vía pública aprobada polo PP ao ser limitativa de dereitos fundamentais como a liberdade expresión, de reunión e de manifestación, engadiu Rubén Cela, portavoz do grupo municipal do BNG en Raxoi. Esta norma contiña a posibilidade de impor fianzas para a organización de actos e para colocar pancartas, ademais de ter un efecto disuasorio e limitativo para entidades sen ánimo de lucro ao ter que depositar cantidades económicas importantes cando despois o Concello non é rápido para devolvelas, dixo.
Rubén Cela lembrou que o BNG levou a Pleno en setembro de 2015 unha iniciativa, que foi aprobada, para a revisión integral desa ordenanza. O 3 de xuño a Xunta de Goberno aprobou un decreto, presentado polo alcalde de Santiago e recollido na propia web municipal co título O Concello substitúe as fianzas pola celebración de actos na vía pública por declaracións responsábeis.
Neste sentido, indicou o portavoz nacionalista que potestade non implica obrigatoriedade e mesmo coa aplicación de ordenanza do PP non é obrigatorio solicitar estas fianzas. Ao abeiro do acordo plenario e do decreto presentado polo alcalde, estas peticións están fóra de lugar, concluíu.