O BNG require a colocación da bandeira galega na praza de Galiza
Pide un bando para declarar o 25 de xullo como Día da Patria Galega e a distribución de bandeiras para engalanar fiestras, galerías e balcóns nas festas
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha iniciativa para o Pleno co fin de que o Concello publique un bando municipal coa declaración do 25 de xullo como Día da Patria Galega. Require tamén a colocación da bandeira galega na praza de Galiza e a realización dunha campaña para distribuílas co fin de que a veciñanza as pendure en fiestras, galerías e balcóns durante as festas de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela ten que ser eixe das reivindicacións de identidade nacional o 25 de xullo, Día da Patria Galega, xa que é a cidade onde se congregan milleiros de persoas na manifestación que percorre as rúas da capital de Galiza para reivindicar os seus dereitos como pobo e tamén para festexar este día nacional, expón o texto da iniciativa do BNG.