PLENO

O BNG propón que as obras pendentes de Quiroga Palacios inclúan medidas para favorecer a accesibilidade

bng
bng

Reclama que o proxecto sexa revisado coa veciñanza para explicar a obra e contrastar as súas necesidades de cara a mellorar a rede viaria, o pavimento, a accesibilidade e a incorporación de colectores de recollida selectiva de residuos

O BNG propón que as obras pendentes de Quiroga Palacios inclúan medidas para favorecer a accesibilidade

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2020.- O grupo municipal do BNG trasladará unha moción ao Pleno de setembro para que as obras pendentes de Puente la Reina e a avenida de Quiroga Palacios presten especial atención para a adaptación ás medidas que favorecen a accesibilidade. Propón tamén que inclúan a renovación da rede de saneamento, a instalación de iluminación pública mediante LED e a plantación de árbores.

A actuación para as obras de reurbanización da rúa da Batalla de Clavijo contou cun investimento de 360.000 euros con cargo aos fondos europeos do programa Revive Edusi-Santiago. Iniciouse en marzo de 2019, coa execución do tramo da rúa comprendido entre a avenida de Lugo e Puente la Reina, ademais das escaleiras de Bispo Teodomiro. Con posterioridade realizáronse obras no tramo de Batalla de Clavijo desde a avenida Quiroga Palacios até a rúa do Canteiro.

Para retomar estas obras entre Puente la Reina e a avenida de Quiroga Palacios, parte do traballo pendente, é necesario que o proxecto sexa revisado coa veciñanza, para explicar a obra e contrastar as súas necesidades de cara a mellorar a rede viaria, o pavimento, a accesibilidade para peóns e vivendas co fin de eliminar as barreiras arquitectónicas, a incorporación de colectores de recollida selectiva de residuos, ademais de proceder á reconfiguración de espazos públicos.

Ademais, mentres dure o proceso de obras, debe quedar garantido o acceso peonil e de vehículos aos garaxes para persoas residentes, cun prazo de execución coordinado coa intención de minimizar as molestias á veciñanza e ás persoas que transitan pola zona, segundo reclama o BNG.

Así, o BNG proporá na negociación dos Orzamentos de 2021 que o Goberno local realice as xestións necesarias para incluír a consignación para executar as obras de reurbanización entre Puente la Reina e a avenida de Quiroga Palacios.

 

 

O BNG propón que as obras pendentes de Quiroga Palacios inclúan medidas para favorecer a accesibilidade