PLENO

O BNG reclama a mellora da iluminación nas rúas do Home Santo e da Angustia

BNG
BNG
Demanda que o Goberno local controle a empresa concesionaria da recollida de residuos para que cumpra o contrato
O BNG reclama a mellora da iluminación nas rúas do Home Santo e da Angustia

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2020.- O grupo municipal do BNG trasladará ao Pleno unha batería de iniciativas para reclamar a mellora de diversos servizos municipais como a iluminación e o da recollida de residuos.

O BNG recibiu queixas da veciñanza da escasa iluminación en espazos públicos, o que crea dificultade de visibilidade e inseguranza física, derivada da posibilidade de incrementarse o risco de tropezar ou caer na rúa, e psicolóxica, sobre todo nos meses de inverno cando anoitece antes. Ademais, o Pleno xa aprobara por unanimidade, en outubro de 2018, unha moción do BNG para mellorar a iluminación e o acondicionamento do Campus Sur para evitar situacións de acoso sexual, para o que era necesaria a posta a punto co inicio do curso universitario, en colaboración coa USC, posto que había zonas de escuridade que provocan inseguranza.

Así, o BNG propón tamén medidas para a correcta iluminación das rúas do Home Santo e da Angustia, con proxección para as beirarrúas para reducir a contaminación, así como noutros lugares onde se detecte este problema.

Esta falta de iluminación nas rúas provoca ademais cambios no percorrido habitual de persoas, sobre todo mozas e mulleres, para camiñar ou aparcar os seus vehículos en zonas psicoloxicamente máis seguras, e mesmo daquelas que a partir de certa hora reducen a participación en actividades sociais e culturais fóra da casa, o que representa unha barreira para a igualdade de xénero.

Persoal de reforzo para o servizo de limpeza e control da empresa concesionaria

En canto á recollida de residuos, ademais de proceder ao control do servizo da empresa concesionaria para o cumprimento do contrato actual, o BNG reclamará que se dispoña do persoal preciso para reforzar o servizo de limpeza para a realización das funcións derivadas da pandemia e que se inclúan no prego do novo contrato as necesidades que propón o comité de empresa para cumprir o convenio laboral no relativo a substitucións e conformación de brigadas.

Nunha recente reunión mantida co comité de empresa de Urbaser advertiuse de diversos incumprimentos no servizo no relativo á desinfección de papeleiras, colectores e baldeo de rúas; ademais de que realizan tarefas fóra do ámbito do concello; á conformación de brigadas dunha única persoa e á utilización das instalacións propias para a reparación de maquinaria doutras concesionarias, entre outros.

O BNG reclama a mellora da iluminación nas rúas do Home Santo e da Angustia