COMEDORES

O BNG reclámalle ao alcalde que rectifique e derrogue o decreto de comedores ao excluír numerosas familias que solicitaron praza

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
“Este decreto de comedores é un ataque á conciliación e a familias que teñen traballo por quendas”, explicou Goretti Sanmartín
O BNG reclámalle ao alcalde que rectifique e derrogue o decreto de comedores ao excluír numerosas familias que solicitaron praza

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamoulle ao alcalde que rectifique e derrogue o decreto de comedores escolares e convidouno a negociar un novo documento coa comunidade educativa “onde se garanta a praza de comedor para todos os nenos e nenas que o soliciten”. Ademais, anunciou que realizará unha interpelación directa ao alcalde no Pleno do vindeiro xoves para que explique o contido dese decreto de comedores escolares que, por primeira vez, restrinxe o acceso de nenos e nenas a este servizo que debera ter carácter universal e máis neste contexto de incremento das necesidades de conciliación derivadas da incerteza laboral de moitas familias.

“O alcalde non se pode gabar de conceder axudas sociais na etapa de confinamento e ter un comportamento deste tipo nesta segunda vaga de pandemia, con consecuencias económicas derivadas de ERTE, despedimentos e precariedade laboral que fan que a situación laboral e as necesidades de conciliación sexan moito máis difíciles para as familias”, advertiu Goretti Sanmartín.

Lembrou que o BNG “quixo botar unha man desde o primeiro momento neste tema” e solicitou o 27 de agosto o documento que a empresa elaborara como punto de partida para aplicar as condicións derivadas da prevención da pandemia. O Concello non pode estar ao servizo da empresa senón que ten que beneficiar e facilitarlle a praza de comedor ao conxunto da poboación, por iso o BNG quere coñecer ese documento para saber se os criterios e prioridades que se marcaban aí eran os mellores. “A día 18 de setembro non se nos facilitou ese documento”, sinalou, o que representa unha falta de transparencia.

“Moitas veces o alcalde nas súas intervencións quixo confundirnos ao dicir que todas as persoas que teñen bolsa de comedor teñen praza, mais hai 1.270 solicitudes e deben ser atendidas na súa totalidade como o resto dos anos”, explicou Goretti Sanmartín. “Non só as que teñen bolsa, porque todas as solicitudes teñen dereito e necesidade de comedor”, engadiu.

Servizo esencial para as familias

“Por primeira vez vai haber persoas que queden sen praza de comedor, co que rompe o acceso universal nun servizo que debe ser considerado esencial para as familias”, afirmou. Deste xeito explicou que os criterios de prioridade para conceder as prazas que estabelece ese decreto de 9 de setembro, “desde a nosa perspectiva, son un ataque á conciliación, ao teletraballo e a profesións por quendas, como a enfermaría”, puxo como exemplo, “e ás posibilidades que tiñan as familias de levar fillos e fillas ao comedor en días soltos, semanas si e semanas non, dous ou tres días á semana segundo as súas necesidades”.

Ademais, explicou que a estas alturas aínda hai familias que non saben se van ter praza de comedor, mais ás persoas que pediron días soltos chegáronlles comunicacións de que non van ter posibilidade de ter unha praza de comedor. “Hai un intento claro por parte do Goberno local de desincentivar a asistencia a comedor, para que sexa menor e de debilitar o ensino público”, sinalou.

Na actualidade, a organización é moi diversa, pois dos nove centros onde o concello se encarga do comedor, só un ten dobre quenda, dous teñen previsto instalar esa dobre quenda e hai seis cunha única quenda. Só en dous centros se habilitaron máis espazos alternativos, explicou Goretti Sanmartín, ademais de lembrar que os comedores deben ser competencia da Xunta.

Venda de produtos agrícolas na praza de abastos

Goretti Sanmartín agradeceu que se tivese en conta a petición do BNG e doutros colectivos para procurar sitios alternativos para as labregas que venden na praza neste momento de restricións, toda vez que o Goberno local rectificou para que poidan seguir a exercer o seu labor. “É bo saber rectificar, este Goberno non o practica moito e debemos felicitalo precisamente por iso, mais a mágoa é que non saia directamente do Goberno cando comunica as restricións sen buscar alternativas para que as labregas que tiñan produtos perecedoiros nun momento importante da colleita non o fixese de maneira directa e, ao final, teña que ser unha iniciativa da oposición quen os obriga a reaccionar”, destacou.

Solidariedade do BNG co sector cultural

Tamén aproveitou a comparecencia de prensa para transmitir a solidariedade do BNG “ao mundo da cultura e dos sectores de espectáculos e organización de eventos que onte fixeron un acto para trasladar que a cultura é segura e os protocolos están para cumprir, pero que as restricións son excesivas sobre todo se as comparamos co que acontece no ensino”.

Referiuse “á suspensión de eventos que pon en dificultade o sector cultural, que ven difícil a recuperación a medio prazo e que necesitan axudas por parte do Estado, Administración galega e do propio Concello que aínda non fixo un Plan de Reactivación Cultural”, indicou.

 

 

O BNG reclámalle ao alcalde que rectifique e derrogue o decreto de comedores ao excluír numerosas familias que solicitaron praza