SEGURANZA

Navia Rivas insta o alcalde a adoptar medidas urxentes para eliminar os puntos conflitivos en Belvís e Pelamios

Navia Rivas
Navia Rivas

A concelleira do BNG mantivo conversas coa veciñanza afectada

Navia Rivas insta o alcalde a adoptar medidas urxentes para eliminar os puntos conflitivos en Belvís e Pelamios

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2020.- A concelleira Navia Rivas, ademais de formular unha pregunta na Comisión de Queixas e Suxestións no mes de xullo, mantivo diversas conversas nos últimos meses con veciñanza de Belvís e dos Pelamios para coñecer as súas preocupacións pola existencia de supostos negocios ilícitos vinculados á compravenda de estupefacientes e á conflitividade xerada por persoas que usan vivendas anteriormente desocupadas con esa finalidade.

O BNG recibiu reiteradas queixas da veciñanza destas zonas pola falta de seguranza que supón a constante afluencia de persoas drogodependentes a certas vivendas que, xunto con berros, roubos e agresividade, causan intranquilidade nestes barrios. Así, Navia Rivas reclamou xa no mes de xullo que se incrementase a vixilancia co fin de investigar e disuadir da realización destas actividades.

Navia Rivas transmitiu a solidariedade do BNG á veciñanza afectada nos últimos meses por estes problemas de seguranza e polos roubos producidos recentemente en San Pedro e instou o alcalde a reunirse coas persoas afectadas para adoptar medidas urxentes que conduzan a eliminar os puntos conflitivos co obxectivo de recuperar a tranquilidade nestes barrios.

 

Navia Rivas insta o alcalde a adoptar medidas urxentes para eliminar os puntos conflitivos en Belvís e Pelamios