DEPURADORA

Goretti Sanmartín: “O alcalde non pode consentir que os fondos da depuradora supoñan un incremento no recibo da auga”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
O BNG insiste en que Bugallo debe negociar o convenio coa Xunta e co Estado tendo en conta que se trata dunha obra de interese xeral cun custe que se debe asumir con fondos públicos na súa totalidade
Goretti Sanmartín: “O alcalde non pode consentir que os fondos da depuradora supoñan un incremento no recibo da auga”

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020.- “Unha vez feitas públicas algunhas declaracións ao respecto da posibilidade para a obtención de novos fondos para a depuradora despois de perderse os do anterior período, esperamos que finalmente sexa unha realidade a construción desta infraestrutura necesaria para non seguir contaminando as augas do noso concello”, sinalou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Deste xeito, presentou unha pregunta para que o alcalde aclare se vai consentir que os fondos do novo convenio entre Concello de Santiago, Goberno da Xunta e Goberno do Estado para construír a estación depuradora de augas residuais vaian implicar a súa devolución en forma de préstamo e repercutir nunha suba no recibo que pagará a veciñanza, de ir ligado ao Plan de Recuperación Económica e Social da UE para responder á situación de emerxencia sanitaria derivada da covid-19.

“O BNG xa advertiu desde hai anos que a demora na tramitación, derivada dos cambios de emprazamento e de modelo de proxecto da depuradora, podería implicar a perda da subvención dos fondos europeos a custe cero e que tivesen que pagar estas instalacións os composteláns e compostelás mediante un incremento na tarifa da auga”, destacou.

Goretti Sanmartín explicou que espera que a noticia de que os fondos para a depuradora se asignen cos recursos comunitarios destinados á covid-19 non repercuta nos recibos da auga nin nun préstamo que se teña que devolver do peto da veciñanza.

O BNG insiste en que o alcalde de Santiago debe negociar o convenio coa Xunta e co Estado de xeito transparente tendo en conta que se trata dunha obra de interese xeral cun custe que se debe asumir con fondos públicos e se inicie esta obra canto antes, co obxectivo de evitar que continúen as verteduras ao río Sar.

 

Goretti Sanmartín: “O alcalde non pode consentir que os fondos da depuradora supoñan un incremento no recibo da auga”