PATRIMONIO
Goretti Sanmartín proporá no Pleno abrir unha nova vía para reclamar as esculturas do Pórtico da Gloria en poder da familia Franco
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciaron que presentarán iniciativas no Concello e no Parlamento para instar a Xunta a abrir un novo procedemento xudicial para reclamar as esculturas do obradoiro do Mestre Mateo propiedade do Concello de Santiago e declaradas Ben de Interese Cultural de cara á súa protección, difusión e recuperación para o patrimonio público, para proseguir o camiño aberto na recente sentenza sobre o pazo de Meirás froito do traballo coordinado entre distintas administracións.
Segundo explicou Goretti Sanmartín en declaracións aos medios de comunicación, “o BNG traballa desde hai moito tempo pola recuperación da memoria histórica e, concretamente, para recuperar as esculturas do obradoiro do Mestre Mateo, actualmente en poder da Familia Franco”. Esas esculturas son propiedade do Concello de Santiago e foron mercadas ao conde de Ximonde en 1948, coa condición de que non saísen da cidade e, durante un tempo, decoraron as escaleiras do Pazo de Raxoi, até que as levou o ditador para Meirás.
O Concello de Santiago presentou, en novembro de 2017, unha demanda xudicial para intentar recuperalas e na actualidade o proceso está nun recurso de casación perante o Supremo tras a sentenza xudicial do Xulgado número 41 de Madrid que desestimou a demanda. Nesta sentenza chégase mesmo a pór en dúbida que sexan as mesmas estatuas as que hoxe están en posesión dos Franco e aquelas de que é propietario o Concello de Santiago.
Tras esta sentenza coñeceuse documentación inédita, froito das investigacións de Francisco Prado-Vilar, especialista no Pórtico da Gloria, consistente en 15 cartas e cinco fotografías sobre a titularidade das pezas e do seu percurso histórico, de onde estiveron en cada momento e os motivos, ademais de sinalar episodios en que a contorna de Franco intentou que esas estatuas pasasen a ser propiedade do ditador e non propiedade pública, explicou Goretti Sanmartín. Así, destacou a carta que dirixe Filgueira Valverde a Sánchez Cantón en xaneiro de 1955 “onde lle di que supón que será coñecedor do destino das estatuas que o Concello de Santiago adquirira en 1948”. “Outra peza documental relevante son as argucias da contorna de Franco en 1961 cando se produce a Exposición de Arte Románica en Barcelona poder conseguir que no catálogo se incluísen fotografías das dúas pezas como propiedade de Francisco Franco, con correspondencia que acredita a manipulación, dado que non había ningunha escritura de compra-venda nin que probase que era dos Francos, co obxecto de darlles natureza de carta pública de que a posesión era súa”, sinalou.
“Esta nova documentación e fotografías mostran ese intento de fraude e de engano e ten que ser utilizada para unha colaboración entre administracións, tanto no Parlamento como no Concello, para que se poida argumentar con máis forza e solidez que esas dúas estatuas do Pórtico da Gloria que están en posesión dos Franco poidan recuperarse para o patrimonio público, neste caso do concello de Santiago, de onde nunca deberon saír”, afirmou Goretti Sanmartín.
A sentenza de Meirás abre “unha ventá á esperanza”
Pola súa parte, Ana Pontón, destacou que “desde o BNG, igual que outras entidades que traballan no ámbito da memoria, levamos moito tempo a reclamar desde Galiza que se poña fin aos privilexios do franquismo e que se nos devolvan aqueles bens que foron resultado dun espolio”. Hai unha sentenza que abre “unha ventá á esperanza”, como é a sentenza do Pazo de Meirás, que se ben non é firme recoñécese por primeira vez por un Xulgado cal foi o modus operandi dos Franco á hora de facerse con todo un símbolo como ese inmóbel.
“O espolio da familia Franco non remata en Meirás, hai outros bens cos que se fixeron mediante argucias e, entre eles, están estes bens do noso patrimonio como son dúas estatuas que formaban parte do Pórtico da Gloria”, afirmou Ana Pontón.
“Como sociedade galega debemos darlle un novo impulso á recuperación desas estatuas do Pórtico da Gloria porque forman parte do noso patrimonio e non podemos permitir a impunidade do franquismo e, polo tanto, todas as administracións teñen a obriga de traballar e colaborar para poñer fin a esa impunidade para que se devolvan ao seu lexítimo propietario que é o Concello de Santiago de Compostela”, destacou.
Segundo explicou Ana Pontón, “hai novas probas que demostran de maneira moi clara que o propietario lexítimo é o Concello de Santiago e hai unha vía para poder incorporar a ese proceso xudicial a nova documentación aparecida, que é que a Xunta de Galiza poida presentar unha demanda para reclamar que se devolvan esas estatuas do Pórtico da Gloria e iso permitiría abrir unha nova oportunidade para que ese proceso xudicial acabe en bo porto”. “É unha obriga do conxunto das administracións de traballar nesa dirección para poñerlle fin á impunidade”, engadiu.
Así, anunciou que o BNG levará iniciativas ao Parlamento e ao Concello para que a Xunta de Galiza presente unha demanda xudicial coa incorporación desa nova documentación “para que sexa unha base para recuperar unhas estatuas patrimonio de Galiza, propiedade do Concello de Santiago de Compostela, e que baixo ningún concepto deberían seguir en mans da familia Franco porque significa unha burla á democracia e darlle lexitimidade a unha impunidade que non se pode permitir”.
“A sentenza de Meirás foi un paso moi importante”, advertiu, “pero é necesario que a Xunta e o Estado reclamen a execución desa sentenza e que, ademais, a propia Xunta pida que non permita que se mova ningún dos bens que forman parte do pazo, entre os que están esas esculturas do Pórtico da Gloria e, polo tanto, impedir calquera artimaña que poida utilizar a familia Franco para sacar as estatuas de Galiza e dificultar todo o proceso de recuperación”.