ENSINO
Goretti Sanmartín: “Bugallo decláralles a guerra ás familias ao non garantir praza de comedor escolar para tod@s @s nen@s”
Propón que o Concello organice un paquete de actividades extraescolares e de conciliación
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, xunto coa concelleira Navia Rivas e a deputada parlamentar Iria Carreira mantiveron onte unha reunión coa Federación de ANPA de Santiago para coñecer e facer seguimento das medidas adoptadas no inicio de curso escolar.
O BNG de Santiago, segundo trasladou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, desexa un bo inicio de curso a pesar e todas as dificultades e incertezas a familias, nenos e nenas e profesorado, ademais de unirse á convocatoria de folga tanto para hoxe como para o 16 de setembro en reivindicación de melloras do protocolo, de planificación, de recursos, de diminución de ratios e aumento do profesorado e de fondos económicos por parte da Xunta de Galiza.
Pasadas as 21:00 horas, publicouse un decreto en que “Bugallo declara a guerra ás familias ao non garantir praza de comedor escolar para tod@s @s nen@s que o soliciten”, afirmou. Este decreto supón un agravio comparativo porque segundo os criterios que marca, unha familia pode ter dereito a comedor e outra non, dependendo do centro ao que vaia o seu fillo ou filla, advertiu, e non é de recibo que haxa discriminación negativa e que non se garanta a igualdade de oportunidades para todo o alumnado do concello.
Ademais, destacou que “este decreto e as intencións deste Goberno van na liña de desincentivaren a familias a levaren ás súas crianzas ao comedor”. Propostas como que prime máis o criterio de levar os 5 días a semana ao comedor fronte a quen pode decidir levalos 1 ou 2, en moitos casos por temas de conciliación laboral e teletraballo, unha recomendación especial das autoridades sanitarias neste contexto de pandemia, e a idea de entregar unha bolsa con comida directamente ás crianzas están máis feitas desde a perspectiva de facilitarlle a traballo á empresa que beneficiar a comunidade educativa, sinalou.
“Despois de que o alcalde lles asegurase á Federación de ANPA que non ía quedar fóra ningún neno ou nena da posibilidade de ter comedor escolar e de que o BNG xa advertira no mes de xullo que isto non podía acontecer, sae un decreto que restrinxe o número de prazas, sen concretar o criterio pero estabelece un baremo, en vez da posibilidade de asistir a comedor todo o mundo”, advertiu Goretti Sanmartín.
Ante as necesidades de adaptar os centros para a prevención da pandemia, o BNG insistiu xa en xullo en buscar espazos alternativos desde o Concello de Santiago, dialogados coa dirección dos centros, mais o Goberno local non se preocupou até ter unha reunión de última hora antes do inminente comezo de curso. “A día de hoxe, hai moitas familias que aínda non saben se teñen praza de comedor, pois só se lles comunicou ás que teñen bolsa”, engadiu.
Por estes motivos, Goretti Sanmartín esixiulle ao alcalde “unha rectificación para que garanta as prazas de comedor para as familias que o soliciten”. Ademais, sobre as incertezas das familias para levar as crianzas ao comedor sinalou que isto vai vinculado á existencia de actividades extraescolares e, neste ano especial, poden ser de conciliación “porque son absolutamente imprescindíbeis e ten que ser o Concello de Santiago quen as garanta”. Propón que o Concello organice “un paquete de actividades para ofrecerlles aos centros de ensino para que moitos pais e nais poidan deixar os nenos e nenas no comedor e despois iren a esas actividades extraescolares”.
Goretti Sanmartín trasladou, ademais, a solidariedade do BNG cos institutos de Compostela que deciden adiar o curso ante a imposibilidade de cumprir as condicións de prevención da covid e ter todo preparado para empezar o curso, por mor da demora da Xunta en emitir os protocolos.