PLENO

O BNG propón que o Concello de Santiago organice un certame de pintura rápida para atraer artistas internacionais e fomentar a creatividade local

certame artístico
certame artístico

“Pode servir de elemento para consolidar Compostela como capital cultural e para a diversificación e especialización do turismo”

O BNG propón que o Concello de Santiago organice un certame de pintura rápida para atraer artistas internacionais e fomentar a creatividade local

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2022.- O BNG, recollendo unha proposta particular, levará ao Pleno unha iniciativa para que o  Concello de Santiago organice un certame de pintura rápida, co obxectivo de atraer artistas internacionais, fomentar a creatividade local e diversificar a oferta creativa existente na actualidade para potenciar e recoñecer a afección pola arte entre a cidadanía, ademais de consolidar a capital cultural.

“Santiago de Compostela debe aspirar a consolidar o termo de capital cultural con novas actividades impulsadas pola Administración local para facer unha oferta atraente a artistas internacionais e que sirva tamén para fomentar a creatividade local”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal. Para iso, unha boa oportunidade pode ser crear un certame de pintura rápida desde o departamento de Cultura, en colaboración coas concellarías vinculadas a sectores da hostalaría, comercio e turismo, ademais de estabelecementos que se queiran sumar ao evento. Por outra parte, en Santiago hai moitas persoas afeccionadas á pintura e diversas iniciativas sobre as artes plásticas que tamén poden colaborar.

Como proposta de bases deste certame, poden existir modalidades de infantil, adultos e maiores para gañar público máis diverso, xunto cunha categoría especial para artistas locais. A temática pode estar vinculada á paisaxe, espazo físico, xente e costumes de Santiago de Compostela, con estilo e técnica libres, e cunha execución da obra realizada in situ na área delimitada pola organización. O xurado do certame que avaliará as obras estará integrado por profesionais das artes plásticas e por representantes do Concello de Santiago.

Segundo indicou Goretti Sanmartín, un certame destas características pode ten unha gran repercusión mediática para proxectar Santiago de Compostela como capital cultural e servir de elemento para a diversificación e especialización do turismo das persoas que se acheguen nesas datas da convocatoria á cidade.

O BNG propón que o Concello de Santiago organice un certame de pintura rápida para atraer artistas internacionais e fomentar a creatividade local