PLENO
O BNG reclama que o Goberno local xestione a readmisión dos condutores do autobús do aeroporto
Goretti Sanmartín lembra que unha sentenza lles recoñece o dereito á subrogación
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022.- O BNG reclamará no Pleno que o Goberno local realice as xestións necesarias para conseguir a readmisión dos condutores que facían a liña Santiago-Aeroporto-Santiago, ademais de procurar as medidas e informes necesarios, baseándose nunha sentenza xudicial que indica que teñen dereito á subrogación.
Recentemente anunciouse que van incrementar as frecuencias dos horarios de autobús da liña L6, ante a necesidade de traslado de numerosos peregrinos e turistas que visitan a cidade e usan este medio de transporte para chegaren ao aeroporto. “A isto hai que sumar que proximamente se van xubilar condutores e que é preciso a súa substitución, polo que é unha oportunidade para volver contratar eses profesionais despedidos”, sinalou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Co cambio de empresa da liña de autobús que prestaba o servizo ao aeroporto Santiago – Rosalía de Castro foron despedidos 9 condutores o 23 de decembro de 2020 aos que non se lles subrogou o contrato cando a UTE Trapsa-Aulusa (do grupo Monbús) asumiu a concesión. A Xunta de Goberno local adoptou o acordo con data 18/12/2020 de ordenarlle á actual concesionaria do transporte colectivo urbano de viaxeiros/as (UTE Trapsa-Aulusa) que desde o 23 de decembro de 2020 e até a adxudicación do novo contrato do servizo realice a prestación desta liña ao aeroporto de Santiago, integrando este percorrido na actual liña de transporte urbano (San Marcos-Os Tilos). De feito, esta era unha solución transitoria porque a nova contratación do servizo municipal de transporte público ía ser inminente, mais aínda non se licitou o concurso.
Deste xeito, os condutores da liña de transporte público colectivo Santiago-Aeroporto-Santiago que antes formaba parte do lote "Lugo-Santiago, con anexos" a cargo da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade padecen un grave problema laboral. Así, as 9 persoas afectadas non dispoñen da carta de despedimento, ao teren dereito á subrogación, polo que non puideron cobrar a prestación social a curto prazo.
Despois de diversas iniciativas plenarias e de mobilizacións por parte dos condutores, a Corporación municipal de Santiago adquiriu o compromiso conxunto dos grupos municipais de que o Concello ía negociar para conseguir a readmisión das persoas traballadoras, ademais de procurar as medidas e informes necesarios, baseándose nunha sentenza xudicial que indica que a empresa ten que volver contratar os condutores que traballaban nesta liña Santiago-Aeroporto-Santiago. Ademais, coñecen perfectamente o funcionamento deste servizo e o lóxico é que continuasen e estivesen desde un primeiro momento exercendo eles este labor cando esta concesión pasou da Xunta ao Concello de Santiago de Compostela.