PLENO

Goretti Sanmartín urxe a realizar xestións para a apertura do centro sociocomunitario da Porta do Camiño

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Os protocolos de prevención da pandemia xa permiten que se retomen as actividades para persoas maiores

Goretti Sanmartín urxe a realizar xestións para a apertura do centro sociocomunitario da Porta do Camiño

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará ao Pleno unha pregunta para saber que xestións realizou o Goberno local para a apertura do centro sociocomunitario da Porta do Camiño, que permanece pechado desde 2020 por mor da pandemia da covid-19.

O BNG trasladou iniciativas ao Pleno do Concello de Santiago e ao Parlamento galego nos meses de febreiro e abril de 2022 para a reapertura do centro sociocomunitario da Porta do Camiño, que foi pechado por mor da pandemia da covid-19. “Na actualidade, os protocolos de prevención sanitaria xa permiten a volta á normalidade neste tipo de centros”, explicou Goretti Sanmartín

Este centro era utilizado por un gran número de persoas usuarias de xeito habitual, ademais doutras que o usaban puntualmente e cumpría unha dupla función, como punto de encontro e de dinamización e socialización dentro do propio concello.

Así, faise necesaria a apertura deste centro sociocomunitario da Porta do Camiño de Santiago, un espazo dotado con sala de xogos, salón de peiteado, sala de rehabilitación, ciberaula, sala de lectura e cafetería, no que se realizaban actividades como baile, Pilates, pintura, informática, exercicios de memoria e excursións.

“O BNG súmase á petición das persoas maiores de Compostela que eran usuarias deste centro que queren recuperar as actividades neste espazo de encontro e de lecer, que favorece tanto o seu benestar físico como emocional”, indicou.

Goretti Sanmartín urxe a realizar xestións para a apertura do centro sociocomunitario da Porta do Camiño