PLATAFORMA LOXÍSTICA
Goretti Sanmartín: “Era falsa a idea de que era imposíbel un cambio de localización porque se perdían os fondos da plataforma loxística”
É necesario axilizar todos os trámites para que poida ser unha realidade a creación da plataforma loxística nun espazo que non fique á beira das casas
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, diante das últimas noticias sobre a posibilidade de mudar de localización a Plataforma loxística de transporte prevista inicialmente en Mallou para o reparto de mercadorías na zona vella, insta o alcalde a comezar a traballar nesa liña e a trasladarlle á veciñanza a nova proposta.
Así, o BNG considera que era falsa a idea que trasladaba o Goberno local, e concretamente o alcalde, de que era imposíbel un cambio de localización porque se perderían os fondos. “É evidente que se pode cambiar a localización, que iso pode ser unha realidade e que se poden atender as demandas veciñais”, sinalou.
“Entendemos que é necesario axilizar todos os trámites para que poida ser unha realidade a creación da plataforma loxística nun espazo que non fique á beira das casas e que facilite que a parcela de Mallou onde se ía localizar poida ser destinada aos usos que a veciñanza solicita para facer dotacións deportivas, sociais e de lecer.
O BNG insta a unha reflexión ao Goberno do PSOE para que teña en conta, desde un primeiro momento, o que considera a veciñanza e as propostas e alternativas dos grupos da oposición, “e que non se lance sempre a xogos de presión e con formas de proceder que non son honestas porque non mostran toda a verdade”.
“Como se ve nestes momentos, é factíbel un cambio de localización, conservando o dereito de acceso aos fondos económicos e estamos en prazo para que isto poida ser unha realidade”, indicou. “O que fai falta é traballar, traballar e traballar de maneira áxil para facelo realidade”, engadiu.