FACENDA
O BNG reclámalle ao alcalde o pagamento urxente de 7,5 millóns de euros en facturas e axudas pendentes
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclama que o Goberno local pague as cantidades que adebeda a numerosas pequenas e medianas empresas, entidades, asociacións deportivas e culturais “que levan meses agardando pola transferencia de axudas e de traballos realizados e xustificados en tempo e forma”.
“Levan meses e meses tramitando, existe o diñeiro e está nas arcas municipais mais non son capaces de executalo e de que chegue ás mans que lle corresponden”, explicou a portavoz.
En certa maneira, isto provoca que o Goberno local poña en risco empresas e asociacións que dependen destas axudas e dos traballos que se realizan con carácter anual. “Para o BNG é inxustificábel que a estas alturas o Goberno local deba máis de 7,5 millóns de euros en facturas sen pagar e que haxa que realizar cambios orzamentarios de xeito continuado cando non se paga en tempo e forma”, indicou, ademais de ter un período do pago medio a provedores/as que se sitúa en máis do dobre permitido legalmente, por tanto, en vez de 30 días vai a máis de 60 días.
Así, cualificou de “escándalo” esta situación que afoga pequenas empresas e asociacións e “por máis que o grupo de Goberno do PSOE di que o vai solucionar, conforme pasa o tempo agrávase”.