PLENO
O BNG presentará unha iniciativa no Pleno para esixir que o alcalde interveña na xestión dos comedores, que están en situación irregular
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego considera como “total incompetencia” a xestión do departamento de Educación sobre os comedores escolares, “xa que están coa concesión caducada, aínda non convocou o concurso e o contrato non vai estar en marcha en setembro ao inicio do vindeiro curso”. Así, Goretti Sanmartín anunciou que presentará unha iniciativa no Pleno para esixir que o alcalde Sánchez Bugallo interveña na xestión “e diga cando vai estar o novo prego de comedores escolares e se vai recoller un modelo diferente, de proximidade e baseado naquelas cuestións que tanto a ANPA como o BNG propuxeron en diferentes ocasións durante estes máis de tres anos de mandato”.
O BNG xa manifestou estas irregularidades en diversas ocasións no Pleno, as últimas en xullo e outubro de 2021 e en abril de 2022, porque é “absolutamente inconcibíbel que un contrato que foi adxudicado en decembro de 2019 por un ano, e prorrogábel por un ano máis, coa intención de elaborar uns novos pregos que incluísen as melloras que propón a comunidade educativa. Daquela, lembrou, a concelleira de Educación afirmou que o contrato ía ser breve porque querían sacar os pregos cun modelo diferente, consensuado con nais e pais e coa Federación de ANPA de Compostela.
“Non pode ser que un servizo estea con orde de continuidade desde xaneiro de 2022, fóra de contrato, e que o concelleiro durma tan tranquilo con esta situación e coa imposibilidade de que o novo estea listo o 8 de setembro, data de inicio de curso escolar”, indicou.
Sen aplicar o novo protocolo
Desde o Goberno local non hai diálogo coas ANPA, non buscan acordo, non se sabe cal vai ser o modelo e non responde máis que xeneralidades sobre un prego sobre o que está a traballar. Así, cualificou de “incapacidade manifesta, unha desidia e un pasotismo grande”, algo que tamén se demostra cando non se dan instrucións para desenvolver o novo protocolo da Consellaría de Educación que marca unha flexibilidade no acceso a familias, espazos interiores e exteriores, o fomento do lavado dos dentes como hábito saudábel e a negativa da posibilidade de que isto se poña en marcha na capital do país, en Santiago de Compostela.
“Entendemos que esta situación non pode continuar por máis tempo e solicitamos do alcalde que interveña e que diga para cando vai estar o novo prego de comedores escolares e se vai recoller un modelo diferente, de proximidade baseado naquelas cuestións que tanto a ANPA como o BNG propuxo en diferentes ocasións durante estes máis de tres anos de mandato”, explicou.