ASOCIACIONISMO

Goretti Sanmartín reclama a convocatoria urxente das axudas para as festas nos barrios composteláns

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

As asociacións non saben se poderán contar coa colaboración do Concello para o pagamento de xogos populares, grupos de música e danza tradicional

Goretti Sanmartín reclama a convocatoria urxente das axudas para as festas nos barrios composteláns

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022.- O grupo municipal do BNG reclama que se convoquen de urxencia as axudas para o movemento asociativo e veciñal destinadas á dinamización das festas nos barrios, tendo en conta que a maioría son na tempada de verán. “Coma sempre, este Goberno local do PSOE vai tarde, non chega a tempo, ten unha falta de planificación grande e provócalle moitos problemas á veciñanza”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal.

“O BNG recibiu queixas da demora e desconsideración do Goberno local cara as asociacións, por non realizar esta convocatoria con máis antelación”, indicou.

En anteriores ocasións, cada asociación podía recibir até 1.250 euros, dunha partida de 44.000 euros, co finalidade de colaborar no pagamento de xogos populares, grupos de música e danza tradicional, corais, charangas e parques de inchábeis.

Goretti Sanmartín lembrou tamén que o BNG conseguiu que se incorporasen 50.000 euros nos remanentes de tesouraría para as axudas ao asociacionismo veciñal, para engadir aos 100.000 previstos nos Orzamentos de 2022.

“Desde o BNG entendemos que non é de recibo que a comezos de xuño esta convocatoria estea sen facer e que as asociacións non saiban con que cantidades poden contar para dinamizar as festas nos barrios despois de dous anos de pandemia, logo da imposibilidade de organizalas, e da necesidade e ilusión da xente para recuperar as festas populares”, engadiu.

Goretti Sanmartín reclama a convocatoria urxente das axudas para as festas nos barrios composteláns