PLATAFORMA LOXÍSTICA

Goretti Sanmartín: “Na reunión da Casa Agraria houbo unha mostra esmagadora de que a veciñanza non quere alí a plataforma loxística”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Urxe o grupo de Goberno a traballar; “non vale cruzar os brazos e logo dicir que non dá tempo, debería pensar e traballar nunha parcela alternativa”

Goretti Sanmartín: “Na reunión da Casa Agraria houbo unha mostra esmagadora de que a veciñanza non quere alí a plataforma loxística”

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín, despois da reunión mantida na Casa Agraria onde por parte do grupo de Goberno e de persoal técnico se explicou o proxecto da Plataforma loxística en Mallou, “e onde tivemos ocasión de escoitar a veciñanza, o BNG reafírmase na súa intención de que non é esa parcela escollida polo grupo de Goberno a mellor para instalar a plataforma loxística de transporte de mercadorías”.

Así, expuxo elementos tanto pola proximidade ás casas, como por falta de definición do proxecto, sobre o que non se sabe ben como vai funcionar, cal vai ser súa xestión, en que momento vai traballar, nin cales son os accesos e sobre o que non houbo unha planificación clara a respecto da súa mobilidade nin un estudo de tráfico do que iso podía supor. “Entendemos que hai outras parcelas alternativas que poden facer esa función, afastadas das casas noutras zonas”, engadiu.

Buscar outra parcela non significa perder os cartos da axuda

Houbo unha mostra “esmagadora” de que a inmensa maioría do barrio non quere alí a plataforma loxística, afirmou.

“Quere a plataforma loxística pero considera que ese non é o lugar adecuado”, sinalou, “e o que debería facer o grupo de Goberno, despois de escoitar alí como a inmensa maioría da veciñanza do barrio di que non a esa localización é buscar outra parcela e iso non significa perder os cartos da axuda concedida”.

Así, urxiu o grupo de Goberno a traballar, “non vale cruzar os brazos e logo dicir que non dá tempo, deberíase estar pensando e traballando nunha parcela alternativa”.

“Por parte do BNG actuamos sempre con honestidade, con clareza e de fronte; esa non nos pareceu unha localización adecuada e escoitamos o sentir da veciñanza en distintas ocasións, que rexeita esa localización en Mallou”, indicou.

 

 

 

 

Goretti Sanmartín: “Na reunión da Casa Agraria houbo unha mostra esmagadora de que a veciñanza non quere alí a plataforma loxística”