CALIDADE URBANA

O BNG propón realizar un plan de mantemento dos bancos e substituír os que estean deteriorados

IMG-20180904-WA0004
Banco en Fray Rosendo Salvado, a carón da praza Roxa

Segundo documentación da Xunta de Goberno, quedaron 63 bancos no almacén municipal “para a súa instalación cando se requira”

O BNG propón realizar un plan de mantemento dos bancos e substituír os que estean deteriorados

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2018.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para a substitución dos bancos deteriorados e a elaboración dun plan para o mantemento continuado e o reemprazo do mobiliario urbano envellecido, tendo en conta as características climatolóxicas de Santiago de Compostela e a normativa europea.

O grupo municipal do BNG recibiu queixas do estado de deterioración en que se atopan numerosos bancos para sentar en diversos puntos da cidade e do rural, derivado da falta de mantemento nos últimos anos que vele pola súa boa conservación.

No plan de mantemento de mobiliario urbano en zonas verdes, no anexo I, especifícase que se destinan 376.800 euros á instalación de novas unidades, dos que tan só se colocaron 141 unidades e quedaron 63 bancos e 11 papeleiras entregadas “en almacén municipal para a súa instalación cando se requira”, segundo consta en documentación da Xunta de Goberno Local de 11 de maio de 2018.

Segundo explicou a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, “cómpre proceder a instalar eses bancos que están no almacén e realizar un estudo das necesidades do mobiliario urbano para combinar funcionalidade, confortabilidade, durabilidade, deseño e integración coa paisaxe urbana co fin de que as rúas, prazas e parques de Compostela sirvan como espazos de encontro, posto que eses elementos enriquecen a calidade de vida ao facer unha contorna agradábel para o tempo de lecer”.

O BNG propón realizar un plan de mantemento dos bancos e substituír os que estean deteriorados