IBI

O BNG traslada ao Pleno as queixas recibidas pola falta de fraccionamento do IBI e problemas da Oficina do/a Contribuínte

O servizo telefónico negoulle a unha persoa a atención en galego

O BNG traslada ao Pleno as queixas recibidas pola falta de fraccionamento do IBI e problemas da Oficina do/a Contribuínte

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2018.- O grupo municipal do BNG recibiu queixas do servizo de Atención ao Contribuínte que veñen motivadas porque non se aplicou o pagamento fraccionado do IBI, pese telo solicitado, e se cobrou a totalidade no mes de setembro, un mes difícil para a economía das familias con nenos e nenas en idade escolar.

As queixas recibidas na oficina do BNG súmanse ás dirixidas á Comisión de Queixas e Suxestións sobre o mal funcionamento do servizo de Atención ao/a Contribuínte, polo que a formación nacionalista levará unha iniciativa ao Pleno para coñecer se o Goberno local fai algún tipo de seguimento de control de calidade deste servizo e se ten previsto realizalo ao abeiro destas incidencias detectadas que padece a veciñanza de Santiago de Compostela.

Noutros casos frecuentes, deuse de baixa automaticamente a domicialización bancaria sen advertir a persoa contribuínte, co prexuízo que ocasiona realizar os trámites para o pagamento presencial no banco e o risco de aplicación do recargo. Tamén hai problemas derivados da falta de resposta no correo habilitado [email protected]

Neste sentido, lembra Rubén Cela que Compostela Aberta segue a incumprir a proposta do BNG, incluída na negociación dos Orzamentos de 2016, para o fraccionamento de impostos en 12 mensualidades, nun sistema á carta como o que se aplica noutros concellos. “Esa sería unha verdadeira acción para política social na que non se produciron avances por parte do Goberno local”, sinalou.

Negan a atención en galego

Outra das queixas recibidas polo BNG foi provocada porque a unha persoa se lle negou a atención en galego no teléfono de Atención ao Contribuínte, que permite mediante unha gravación escoller idioma premendo un número mais logo a interlocutora responde só en castelán, mesmo despois de solicitarllo de novo verbalmente ao que lle responderon que non era entendido por falar en galego.

 

 

O BNG traslada ao Pleno as queixas recibidas pola falta de fraccionamento do IBI e problemas da Oficina do/a Contribuínte