PLENO

O BNG propón recuperar o patrimonio cultural e natural da Lavacolla, como demanda a asociación veciñal Ruta Xacobea

Reunión coa asociación veciñal Ruta Xacobea
Reunión coa asociación veciñal Ruta Xacobea
Reclama a colocación dun panel informativo para dar a coñecer o lugar onde se lavaban os/as peregrinos/as ao chegaren a Compostela
O BNG propón recuperar o patrimonio cultural e natural da Lavacolla, como demanda a asociación veciñal Ruta Xacobea

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2020.- O grupo municipal do BNG mantivo unha reunión con representantes da asociación veciñal Ruta Xacobea para coñecer as demandas da parroquia de Sabugueira co fin de poñer en valor os recursos naturais e patrimoniais da Lavacolla, ademais de reclamar o abastecemento e saneamento dos núcleos urbanos de Mourentán, A Sionlla e San Paio.

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e a concelleira Navia Rivas trasladarán ao Pleno de febreiro estas reivindicacións veciñais, entre as que destaca a necesidade de recuperar o patrimonio cultural e natural da Lavacolla cunha actuación á beira do río para pór en valor este enclave.

Trátase de acondicionar as dúas áreas de descanso de peregrinos/as de Vilamaior que, na actualidade, están cheas de maleza e pertencen ao Banco de Terras, de arredor de 200 m2 de superficie cada unha delas.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, o BNG reclamará tamén “a recuperación das fontes e o acondicionamento do regato da Sionlla, ademais da colocación dun panel informativo no lugar das Pontes para dar a coñecer que este era o emprazamento onde se lavaban os/as peregrinos/as ao chegaren a Compostela, segundo describe o Códice Calixtino”. Esta actuación debe complementarse coa sinalización de diversos recursos de interese cultural e histórico da contorna como o castro de Mendes e as fábricas de curtidos, engadiu a portavoz nacionalista en Raxoi.

Ademais, o BNG comprometeuse coa asociación veciñal a seguir a reclamar a recuperación das instalacións do aeroclub para actividades deportivas e da vella terminal do aeroporto para formación aeronáutica, hangares e talleres de reparación.

No ámbito urbanístico, reclaman ampliar a rede de saneamento e de abastecemento, a comezar polas zonas catalogadas como solo urbano que aínda carecen destes servizos pois isto está a provocar que non concedan licenzas de obras nestes núcleos, segundo explicaron os representantes veciñais durante a xuntanza. “Para esta asociación, son prioritarios os lugares de Mourentán, A Sionlla e San Paio para dotalos de saneamento e de abastecemento de auga, polo que hai que ter en conta a parroquia de Sabugueira ademais das contidas no Pacto de Ferusa”, sinalou Goretti Sanmartín.

Requiren tamén a construción de beirarrúas para incrementar a seguranza e o asfaltado da rede viaria, tanto da N-634 do aeroporto a San Marcos, como as de titularidade municipal que teñen alta densidade de tráfico e logo facer un plan de mantemento continuado. Limpeza de cunetas, roza de vexetación e mellora da iluminación pública son outras das demandas desta zona para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

 

O BNG propón recuperar o patrimonio cultural e natural da Lavacolla, como demanda a asociación veciñal Ruta Xacobea