PLENO

Goretti Sanmartín propón crear un cemiterio público de mascotas en Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
A iniciativa recolle que se poderá dispor dunha urna personalizada coas cinzas dos animais e dunha sepultura para visitar e manter o seu recordo
Goretti Sanmartín propón crear un cemiterio público de mascotas en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón impulsar, en colaboración co Refuxio de Animais e asociacións de defensa dos dereitos dos animais, a creación dun cemiterio público de mascotas en Santiago de Compostela.

En Santiago de Compostela hai numerosos fogares que teñen animais domésticos, de feito o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía ten 14.923 cans e cadelas inscritos nesta localidade, aos que hai que sumarlle gatos, paxaros e peixes, entre outros, que non é preceptivo que leven microchip.

“As persoas e animais domésticos adoptan durante a convivencia unhas relacións de afecto que moitas veces, cando falecen as mascotas, levan a procurar un tratamento adecuado para depositar os seus cadáveres que fai preciso buscar solucións individuais para posibilitar o enterramento das súas cinzas ou do seu corpo”, explicou a portavoz municipal do BNG.

Os animais domésticos e, por tanto os seus cadáveres, así como a recollida e tratamento dos seus corpos cando morren, entran no ámbito de competencias dos concellos. O Concello de Santiago dispón do Refuxio de Animais de Bando, un espazo especializado na sensibilización para a prevención do abandono, fomento da adopción e boas prácticas, “ao que se pode unir a posta en marcha deste servizo de recollida, incineración e enterramento das mascotas, coa dotación económica precisa, cunha regulación de funcionamento e con tarifas para a súa utilización que fagan viábel esta instalación funeraria”, recolle o texto da iniciativa.

“Deste xeito, coa creación deste cemiterio de animais domésticos facilítase o tratamento e o apoio ás persoas que perden as súas mascotas, que poden dispor dunha urna personalizada coas cinzas do seu animal e dunha sepultura para visitar e manter o seu recordo, o que serve para contribuír a manter o vínculo entre mascotas e persoas propietarias que o desexaren”, engadiu Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín propón crear un cemiterio público de mascotas en Santiago de Compostela