O BNG propón recuperar o premio literario Ánxel Casal para promover a lingua galega no ensino
O Concello de Santiago convocou este certame até 2011, coordinado cada ano cun centro de ensino secundario da cidade
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2015.- O grupo municipal do BNG proponlle ao Goberno local de Santiago de Compostela que recupere o premio Ánxel Casal, un certame literario destinado a que estudantes coñezan e valoren a achega cultural do fundador da editorial Nós, ademais de ser unha actividade que contribúe á promoción da lingua galega no ensino.
O Concello de Santiago convocou este premio até 2011, na súa XVI edición, e compartía a súa organización cada ano cun centro de ensino secundario da cidade, para favorecer o carácter itinerante na súa organización.
Nas bases requírese que as obras presentadas sexan inéditas, de tema libre e en lingua galega. Ademais, pode concorrer alumnado de ensino non universitario a partir dos 14 anos nas modalidades de poesía, conto e teatro.