PLENO

O BNG propón unha reforma urbana no barrio da avenida de Salamanca para mellorar a accesibilidade e recuperar os espazos públicos

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Isto coincide coas reclamacións de residentes que están a recoller sinaturas e con peticións da asociación veciñal das Marías

O BNG propón unha reforma urbana no barrio da avenida de Salamanca para mellorar a accesibilidade e recuperar os espazos públicos

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou en rolda de prensa unha moción que defenderá no Pleno para realizar unha actuación de reforma integral, comezando xa neste 2020, para a reurbanización da zona da avenida de Salamanca, da avenida de Coimbra, da rúa Oviedo e da rúa Ultreia co fin de gañar accesibilidade, pavimentar a rede viaria, ordenar o tráfico e, en definitiva, recuperar os espazos públicos para a veciñanza.

Segundo recordou, o BNG trasladou unha iniciativa neste sentido en xullo de 2018 ao Pleno do Concello de Santiago de Compostela para que no ano de 2019 se puidese incluír nos Orzamentos municipais e, como non se fixo, preséntao agora “para que poida realizarse esta actuación en 2020 nun barrio que ten unha poboación moi avellentada e tendo en conta que xa existe un plan de detalle parcial para facer a reforma da zona”.

“Isto coincide coas reclamacións da veciñanza que está a recoller sinaturas para que isto sexa unha realidade e con peticións da asociación veciñal das Marías”, explicou. Hai rúas como a de Ultreia e a de Oviedo que só se pode ir mediante escaleiras, moitos edificios da zona carecen de ascensor, son frecuentes as avarías da iluminación pública no inverno e as fugas de auga nalgunhas beirarrúas, que teñen boa parte do enlousado fracturado ou mal encaixado e unha anchura insuficiente, nalgúns tramos, o que provoca problemas de seguranza viaria para peóns, “polo que moita xente maior non sae polo mal estado en que se encontra a rúa e polos problemas de accesibilidade”, explicou.

Deste xeito, é necesaria unha reurbanización desta zona que adoece de falta de mantemento para mellorar a accesibilidade, o pavimento da rede viaria, as beirarrúas, os bancos, a iluminación, os pequenos espazos verdes e o parque infantil, co fin de conseguir que os espazos públicos deste barrio onde viven centos de persoas poidan recuperar o seu uso e servir como lugares de encontro.

Para iso é necesaria unha intervención de reforma integral, da que nalgúns aspectos xa había estudos previos, acorde ao tránsito da zona, pois cómpre lembrar que as dúas últimas obras de asfaltado da avenida de Coimbra devolveron, en poucos meses, as fochancas e os ocos sen pintura nos pasos de peóns.

Faise necesaria tamén unha reordenación de tráfico, sobre todo no horario de entrada e saída de colexios, cando se consente que os coches aparquen en calquera lugar: en dobre fila, sobre as beirarrúas ou mesmo na zona reservada para o estacionamento dos autobuses; dificultando o tránsito das persoas que van a pé e dos autobuses, que moitas veces só poden deterse en dobre fila para poder baixar ou subiren os nenos e nenas que van aos centros de ensino, co risco de seguranza viaria que supón.

O BNG propón unha reforma urbana no barrio da avenida de Salamanca para mellorar a accesibilidade e recuperar os espazos públicos