Goretti Sanmartín cualifica de “continuísta” e sen novos proxectos o documento dos Orzamentos municipais de 2020
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, cualificou de “continuísta” a proposta de Orzamentos do PSOE “polo que transcendeu na prensa”, posto que o BNG recibiu a documentación por parte da Alcaldía pasadas as 12:00 do mediodía e despois da súa aprobación na Xunta de Goberno. Estes Orzamentos serán aprobados a inicios de marzo, segundo anunciou o alcalde ante os medios de comunicación.
Así, fixo referencia á “posición unilateral por parte do Goberno socialista cando hai un mes interrompeu as negociacións dos Orzamentos” e, polo que transcendeu na prensa, “parece que son uns Orzamentos máis pensados para facer propaganda” en vez de permitir introducir demandas da veciñanza na negociación e de chegar a un acordo cos grupos da oposición.
“Polo que transcendeu, son uns orzamentos continuístas”, insistiu, “con proxectos históricos ou que veñen da etapa inmediatamente anterior onde non hai iniciativas propias por parte do PSOE”. Así, lembrou que durante a campaña, o actual alcalde dixera en reiteradas ocasións que aquelas cuestións de relevancia política para a cidade que se comprometería a planificalas no primeiro ano “porque senón era imposíbel levalas adiante pola lentitude da maquinaria da estrutura administrativa e o certo é que neses Orzamentos de 2019 e de 2020 non hai ningunha novidade, polo que parece”.
A gran novidade é a licitación das contratas e a regularización dos contratos, “mais iso é o normal”, afirmou. Tamén se sabe que, por esas negociacións que se comezaron a facer co BNG e que quedaron interrompidas hai un mes, daquela non había opción de incluír temas importantes para a cidade relativos a políticas ambientais, como incorporar ese proxecto dunha planta de compostaxe comarcal, ou dar resposta a necesidades básicas como o aparcadoiro no campus sur, ou vivendas de protección pública co proxecto de Xoán XXIII, ou partidas para o abastecemento e saneamento no rural, nin demandas dos barrios como a da avenida de Salamanca ou das Fontiñas, nin tampouco estaba disposto a incluír os parques infantís cubertos.
“Estaremos vixiantes en canto teñamos a documentación e poidamos analizala, pero a maneira de negociar dista moito do que se lle debería presupor a calquera Goberno e máis a un que está en minoría, que debera buscar consensos e propostas que inclúan o maior número de iniciativas posíbeis do conxunto dos grupos que formamos parte da Corporación”, advertiu. “Este xeito de negociación di moito da falta de transparencia e de falta de capacidade de diálogo que ten este grupo de Goberno”, sinalou a portavoz nacionalista en Raxoi.
Así, explicou que realizará unha valoración máis demorada cando coñeza a documentación dos Orzamentos.