O BNG publica un boletín informativo sobre os Orzamentos municipais de 2021, que non foron aprobados no Pleno

ESPECIAL ORZAMENTOS 2021
ESPECIAL ORZAMENTOS 2021
Ademais da distribución pola cidade, pode consultarse no Facebook e no Twitter @bngcompostela
O BNG publica un boletín informativo sobre os Orzamentos municipais de 2021, que non foron aprobados no Pleno

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021.-  O BNG votou en contra da aprobación inicial dos Orzamentos municipais para 2021 ante a negativa do alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo a negociar as propostas que trasladou a portavoz Goretti Sanmartín, que foran contrastadas co asociacionismo veciñal e con representantes de sectores afectados pola crise da covid-19. Neste sentido, o BNG difundirá un boletín informativo coas iniciativas que non se incluíron e para dar conta de que única responsabilidade do atraso e de ligar a aprobación dos Orzamentos a unha cuestión de confianza é do alcalde e do grupo socialista.

Así, este boletín recolle que o alcalde actúa como o “Llanero solitario” ao negarse a negociar os Orzamentos para 2021, aínda que está nun Goberno en minoría e obrigado a dialogar para poder sacalos adiante. De feito, pese estar aprobadas diversas iniciativas do BNG no Pleno para incrementar as partidas de axudas destinadas a hostalaría, comercio e cultura, o grupo de Goberno converteuse nunha “procesión de caladiños” e fixo oídos xordos a estas peticións.

Nun contexto excepcional de crise, cando se require o maior dos consensos, no PSOE deciden chantaxear a oposición e non escoitar a veciñanza. “Nun orzamento expansivo coma este, que chega a 125 millóns de euros mais os remanentes de 2020 parécenos o mínimo compromiso dedicar 5 millóns de euros a novas axudas para o comercio, o turismo, a hostalaría e a cultura”, advertiu Goretti Sanmartín.

O boletín recolle tamén unha dobre páxina con información e opinións de comerciantes que relatan a súa experiencia sobre o procedemento do Goberno local do PSOE coas axudas extraordinarias ao comercio pola crise da covid-19, das que só validaron 216 das 526 solicitudes.

Na última páxina, recolle os incumprimentos do proxecto de Orzamentos co asociacionismo ao rexeitar o PSOE as propostas do BNG no relativo ao Pacto polo Rural para a realización do saneamento e abastecemento, non levan ditames positivos de entidades públicas como Tussa e Incolsa, nin inclúen peticións do BNG como a creación dun servizo de control das empresas concesionarias de servizos.

Ese proxecto de Orzamentos tampouco recolle os aparcadoiros soterrados no Campus sur e en Belvís, a reforma fiscal para que as empresas eléctricas paguen polo uso do dominio público nin a rebaixa de impostos para familias monoparentais, o proxecto para unha planta de compostaxe de residuos que pode crear 150 postos de traballo, os plans de mellora e accesibilidade do barrio da Estila e das Fontiñas, ademais dos parques cubertos nas Fontiñas e no Castiñeiriño que reclama a veciñanza.

Ademais, detéctanse baixadas en programas de Ensino, que reclamaban as ANPA, e en partidas de Mocidade. Tampouco inclúen o impacto de xénero, onde cada área teña en conta esa perspectiva de xeito transversal, para axudar a corrixir as diferenzas que se acrecentaron coa crise da covid-19. Faltan tamén compromisos en Deportes como o proxecto da Cidade da Raqueta.

 

 

 

O BNG publica un boletín informativo sobre os Orzamentos municipais de 2021, que non foron aprobados no Pleno