PEAXES

O BNG organiza en Compostela unha caravana con máis de 100 coches “para reclamar unha AP-9 galega e libre de peaxes”

Goretti Sanmartín e Néstor Rego
Goretti Sanmartín e Néstor Rego

Néstor Rego e Goretti Sanmartín demandan o cumprimento do Acordo de Investidura co PSOE e cualifican de “abusiva” a suba das peaxes na Galiza

O BNG organiza en Compostela unha caravana con máis de 100 coches “para reclamar unha AP-9 galega e libre de peaxes”

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2021.- O BNG de Compostela organizou unha caravana automobilística para reclamar a aplicación das medidas recollidas no Acordo de Investidura para a transferencia da AP-9 a Galiza e a rebaixa das peaxes. Así, o deputado no Congreso Néstor Rego demandou rematar coa “estafa legalizada” que supón ter as portaxes máis caras do Estado español e sinalou o seu efecto negativo para o desenvolvemento social e económico da Galiza. A portavoz municipal de Santiago, Goretti Sanmartín, pediu tamén “unha AP-9 galega e libre de peaxes”.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, en declaracións aos medios ao remate da caravana que contou con máis de 100 coches que partiron ás 11:00 de San Lázaro e chegaron ás 12:30 a Salgueiriños, “trátase dun compromiso co Goberno español que reclamamos que se cumpra de maneira urxente porque isto é unha estafa e algo que prexudica de maneira moi concreta a comarca de Compostela, onde hai moitísimas persoas afectadas por seren usuarias frecuentes e esporádicas”.

Fixo referencia tamén ao que repercuten no conxunto da economía “unhas peaxes abusivas, das máis caras do Estado español, para empresas, persoas autónomas, traballadoras e traballadores que teñen que usar a AP-9 como infraestrutura fundamental para desprazarse ao seu lugar de traballo de xeito diario”.

Xulgado de Violencia de xénero, outro compromiso co PSOE

Ademais, aproveitou para lembrar que este non é o único tema que o Goberno español ten en débeda con Santiago e con esta comarca froito do Acordo de Investidura, en alusión a “conseguir un Xulgado de Violencia de xénero específico para Santiago de Compostela”. Así, anunciou que trasladará esta petición de crear o Xulgado de violencia ao Pleno de marzo no Concello de Santiago de Compostela “esperando conseguir un acordo unánime de todas as forzas políticas da Corporación para reclamalo, porque é de xustiza”.

Pola súa parte, Néstor Rego lembrou que o 1 de xaneiro os descontos da AP-9 tiñan que entrar en vigor e, pola contra, o que aconteceu foi que anunciaron unha nova suba, “mesmo das máis elevadas, facendo que por cuarto ano consecutivo esta autoestrada sexa a que máis subiu do Estado”, advertiu o deputado do BNG no Congreso. A formación nacionalista entende que é unha autoestrada “que está máis que amortizada despois de máis de 40 anos de concesión”.

“Só quedan no Estado español tres autoestradas con concesións de longa duración de 75 anos e dúas delas están na Galiza: esta e a AP-53, Santiago-Dozón” destacou Rego. Así mesmo, recriminou que a autoestrada do Atlántico ten as portaxes máis caras do Estado español mentres o resto de autoestradas da súa xeración “finalizaron ou finalizan a concesión entre 2018 e 2023, a AP-9 aínda continuará coa concesión até 2048 se non se remedia”. Así, cualificou este feito de “agravio tamén ao noso país porque moitas infraestruturas do Estado foron feitas ou rescatadas con diñeiro público”.

O BNG organiza en Compostela unha caravana con máis de 100 coches “para reclamar unha AP-9 galega e libre de peaxes”