PLENO

Goretti Sanmartín presenta unha iniciativa para a rehabilitación das ruínas da Caramoniña

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Pódese buscar a colaboración doutras administracións, do Consorcio da Cidade e de ámbito internacional, ademais de estabelecer sinerxías coa Universidade
Goretti Sanmartín presenta unha iniciativa para a rehabilitación das ruínas da Caramoniña

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021.-  A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa para a realización do proxecto de obras de rehabilitación das ruínas da Caramoniña, mediante a busca da colaboración doutras administracións e cun orzamento plurianual.

“Chamounos a atención que esta rehabilitación das ruínas da Caramoniña que estivo sempre presente nos proxectos de Orzamentos nos últimos anos, sen executarse como acontece como tantas outras cuestións, neste caso desaparecese dos de 2021”, sinalou Goretti Sanmartín.

Segundo lembrou, Santiago de Compostela foi unha das cidades seleccionadas na edición de 2019-2020 para o concurso Driehaus convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, coa intención de axudar a recuperar o patrimonio arquitectónico, mediante a rehabilitación da área da Caramoniña, un espazo actualmente infrautilizado, pouco accesíbel e mal conectado co resto do tecido urbano. Este ámbito aloxou no seu día vivendas unifamiliares ao longo da rúa da Caramoniña e consérvanse aínda os muros destas casas e hortas traseiras en bancais, recentemente recuperadas e incorporadas ao espazo público.

Así, a proposta consistía en idear un proxecto para a recuperación das construcións existentes con destino a cinco vivendas temporais para estudantes e unha para artistas bolseiros/as do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), conectando este ámbito co parque de San Domingos de Bonaval. Estes últimos espazos poden destinarse a usos complementarios ao das vivendas rehabilitadas, tales como obradoiros para artistas ou espazos de traballo vinculados ao ámbito cultural.

As ideas xurdidas ao abeiro deste concurso poden vincularse á tradicional epígrafe contida no Capítulo VI dos Orzamentos municipais que adoitaba nomearse “Consolidación das ruínas da Caramoniña”, dotado desde o ano 2018 con 90.000 e até os 120.000 euros en 2020, e que aínda está pendente de executar, “mais nos de 2021 desaparece e aínda que sexa por fases deberiamos poñer enriba da mesa esta intervención urbanística”.

Estes proxectos incluían a reurbanización dos pavimentos da Ruela e a rehabilitación da muralla do parque, mesmo un tramo da Rúa Teo (desde a Ruela até a porta de Bonaval para conectar con esta e a Almáciga) tamén a creación dun par de aberturas na muralla do parque para conectar a Ruela. E, por último, a rehabilitación das edificacións en ruínas entre a Ruela e as hortas municipais e tamén a casa que está no parque entre o CGAC e o Museo do Pobo Galego.

“Para iso, pódese buscar a colaboración doutras administracións, do Consorcio da Cidade, xunto con outras de ámbito internacional e estabelecer sinerxías coa Universidade”, explicou Goretti Sanmartín. O BNG entende que se pode realizar “un proxecto plurianual, tamén en colaboración coa USC, co obxectivo de recuperar a zona e poñer en valor tamén turisticamente diferentes espazos da cidade”.

Para economizar a execución desta iniciativa, pode estudarse a posibilidade de crear, cando menos para realizar partes da execución desta obra, un obradoiro de emprego para conseguir rehabilitar esta zona da Caramoniña ao tempo que se fornece de coñecementos e de boas prácticas na construción a persoas en paro, tendo en conta o impacto da crise neste sector e as necesidades de relevo xeracional.

É un proxecto de grande envergadura que se pode facer en varias fases, coa colaboración de distintas administracións, e que debe saír nos Orzamentos de 2021, sinalou a portavoz nacionalista en Raxoi.

Goretti Sanmartín presenta unha iniciativa para a rehabilitación das ruínas da Caramoniña