ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín propón que o alcalde retire o punto de Orzamentos do Pleno e consensúe as propostas cos grupos municipais

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin
Reclama que o alcalde escoite a mensaxe de compostelás e composteláns e teña “a vontade de negociar e poñerse de acordo” con todos os grupos
Goretti Sanmartín propón que o alcalde retire o punto de Orzamentos do Pleno e consensúe as propostas cos grupos municipais

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021.-  A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, ante o Pleno convocado para a aprobación dos Orzamentos de 2021 que se someten a votación por parte do Goberno local sen contar co apoio de ningún outro grupo por negarse a incluír propostas, explicou que se chegou a esta situación “pola irresponsabilidade do alcalde, a quen levamos emprazando desde o pasado 1 de setembro para realizar as xuntanzas precisas para marcar as prioridades orzamentarias, contrastalas cos consellos de participación cidadá e chegar a un consenso orzamentario o máis amplo posíbel nunha situación especial”.

“Así, desde o BNG consideramos que a solución pasa por non someter mañá a Pleno ese proxecto de Orzamento elaborado unilateralmente por Bugallo e, nun prazo breve, con responsabilidade, incorporar propostas de todos os grupos municipais que os enriquezan e sacalos adiante por consenso polo ben da cidade e da veciñanza”, afirmou Goretti Sanmartín.

“O alcalde encargouse de dicir en numerosas ocasións que non había présa e deixou correr o tempo”, sinalou. Porén, de repente decide pisar o acelerador e entrar nunha chantaxe anunciada. Un goberno en minoría presenta un proxecto de orzamentos sen negociación de ningún tipo e non admite máis que ningunha ou algunha minúscula modificación dalgún grupo, iso, despois de ter as propostas, cando menos do BNG durante 15 días sen ningunha resposta ao respecto, explicou.

“O responsábel de toda esta situación e da demora en ter aprobado o orzamento de 2021 é de Bugallo”, explicou. “El é o único responsábel dun equipo dividido e fragmentado onde a concelleira de Facenda e o portavoz do goberno din B ao tempo que o alcalde di A e desautoriza todo o seu equipo”, engadiu.

O alcalde tiña perfectamente trazado o seu plan. Aproveitar o contexto especial en que vivimos, as necesidades dos colectivos máis vulnerábeis e dos colectivos máis afectados pola crise, facerse a vítima e solicitar que o único camiño é apoiar un orzamento sen ningún tipo de negociación e que non responde, para o BNG, ás necesidades de santiaguesas e santiagueses.

Por responsabilidade, debe retirar a proposta da orde do día

Por iso, no medio desta situación “surrealista”, onde o presidente de dous consellos de Administración (de Tussa e Incolsa, sociedades municipais) non ten en conta o rexeitamento das persoas que forman parte deses consellos de administración e segue para diante sen ningún apoio, onde o alcalde dun goberno en minoría que ten a obriga de dialogar se nega a facelo, “o  BNG quere facer unha chamada á responsabilidade”, indicou a portavoz nacionalista en Raxoi.

“E hoxe esa responsabilidade pasa por retirar ese punto da orde do día do Pleno de mañá; retiralo e abrir un prazo de negociacións que en breve debe dar lugar a un orzamento coas incorporacións principais do resto dos grupos da oposición que, cando menos no caso do BNG, o que trasladan son peticións da veciñanza”, propuxo a portavoz do BNG. “Podemos mesmo deixar a un lado as peticións feitas até o de agora e poñer enriba da mesa media ducia de intervencións potentes e urxentes que o Pleno aprobou por parte de todos os grupos da oposición coa abstención do PSOE”, engadiu. “Sería ben doado chegar a un consenso cando menos o máis maioritario posíbel en beneficio dos sectores máis prexudicados pola crise”, explicou na rolda de prensa.

Reclama a vontade de acordo

Deste xeito, indicou que as solucións “están ao alcance da vontade do alcalde que, por ben do conxunto da poboación, debería deixar a súa prepotencia e xeito de gobernar absolutista e entender a mensaxe de compostelás e composteláns: teña a vontade de se poñer de acordo”, indicou.

 

Goretti Sanmartín propón que o alcalde retire o punto de Orzamentos do Pleno e consensúe as propostas cos grupos municipais