O BNG reclama que se investigue o depósito de residuos de obra nunha parcela municipal situada a carón do Conservatorio
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021.- O BNG reclámalle ao Goberno local que revise se o depósito de entullos nunha parcela municipal situada a carón do Conservatorio Profesional de Música se realiza con autorización e cumpre a normativa ambiental en materia de residuos.
O grupo municipal do BNG recibiu queixas sobre o depósito de residuos de obra que se están a acumular nunha parcela municipal situada entre a avenida Rodríguez de Viguri e a rúa Altiboia, que inclúen restos de entullos de obra, formigón e alquitrán. Así, insta o Goberno local a tomar medidas ante este vertedoiro posto que corre o risco de que se perpetúe, xa que cada semana está a incrementarse o volume de entullos que se amorean neste emprazamento.
Deste xeito, o BNG demanda que, de non contar con autorización, se analice tanto a procedencia como o contido destas verteduras, co obxectivo de evitar a creación dun problema ambiental derivado do depósito de residuos sen o tratamento requirido.