FONTIÑAS

O BNG reclama que o Imelga se constrúa sen ocupar a zona de arboredo das Fontiñas

Navia Rivas
Navia Rivas

Trasladará a petición da veciñanza para que a obra se realice entre as rúas Berlín e Lisboa e permita compatibilizar os usos deste parque que é moi utilizado para o lecer

O BNG reclama que o Imelga se constrúa sen ocupar a zona de arboredo das Fontiñas

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021.-  O BNG trasladará unha pregunta ao Pleno ante as queixas da veciñanza das Fontiñas pola construción do Instituto de Medicina Legal de Galiza (Imelga) nun espazo con arboredo que na actualidade está destinado a zona verde, cando hai outra zona sen uso na mesma parcela municipal.

“Para o BNG, de acordo coa veciñanza das Fontiñas, a localización deste edificio nesa parcela escurece e achica o parque, de aí que pode construírse na parte que fai esquina entre a rúa Berlín e a rúa Lisboa co obxectivo de que se poida manter como zona verde a actual destinada ao paseo e compatibilizar os usos desta dotación coas necesidades de lecer da veciñanza”, sinalou Navia Rivas, concelleira do BNG.

Para o BNG é preciso que este instituto forense teña a súa propia sede en Santiago de Compostela nas inmediacións dos Xulgados e, de feito, xa contaban cunha reserva de 300.000 euros nos Orzamentos da Xunta para 2021. A parcela municipal onde se pretende construír ten 2.670 metros cadrados de edificabilidade e xa foi cedida polo Concello de Santiago á Administración autonómica, coa previsión de que as obras comecen en 2022.

Esta nova sede acollerá a dirección do Imelga e a subdirección territorial de Santiago de Compostela, ademais de contar con oficinas, consultas, espazo para arquivos e para o acceso dos furgóns mortuorios ou cámaras frigoríficas mortuorias, entre outras dependencias. Entre o seu persoal, dispón de médicos/as forenses, psicólogos/as, traballadores/as sociais, funcionarios/as administrativos e auxiliares de autopsia.

 

O BNG reclama que o Imelga se constrúa sen ocupar a zona de arboredo das Fontiñas