PLENO
Goretti Sanmartín insta o alcalde a dar un paso máis para impulsar os usos culturais coa recuperación da Sala Iago
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021.- O BNG presentará unha iniciativa no Pleno de marzo para a recuperación da actividade da Sala Iago con uso cultural, para o que é necesario abrir unha nova vía de diálogo coa familia propietaria do inmóbel que non pode manter esta peza emblemática en plena Cidade histórica no seu estado actual de abandono.
A portavoz municipal, Goretti Sanmartín, lembra que o BNG propuxera unha taxación independente para a súa adquisición por parte do Consorcio e que o propio alcalde aludiu en xuño de 2019 á posibilidade de expropiación, para o que se comprometera a iniciar accións nas primeiras semanas deste mandato municipal.
Para o BNG, urxe que o Concello retome esta iniciativa para evitar que este inmóbel histórico siga a deteriorarse de xeito irreversíbel, cando o sector cultural está necesitado de espazos en Compostela. “Tanto iniciativas privadas de artes escénicas, como cooperativas e o asociacionismo cultural precisan espazos para desenvolver proxectos creativos e artísticos e o Concello de Santiago non pode permitir que a Sala Iago siga abandonada e perdendo valor porque é un ben cultural patrimonial que, cada ano que pasa, incrementa a súa deterioración”, advertiu.
“O Concello ten que dar un paso, por responsabilidade, para evitar que este espazo da Sala Iago caia en mans especuladoras que contribúan ao declive da zona histórica e para iniciar unha nova etapa que contribúa a impulsar o tecido cultural, coa súa conservación patrimonial e acorde coa natureza deste inmóbel”, sinalou.
A Sala Iago abriu como espazo cultural en 1946 e co declive dos cines renovouse en 1998 para converterse en 2002 en sede da compañía residente conformada por Títeres Cachirulo e Teatro Noroeste, co que gañou o ‘Premio especial Max’ da SGAE. O proxecto deste espazo escénico foise consolidando neses cinco anos de programación.
O BNG conseguira que se aprobase por unanimidade unha moción no Pleno de febreiro de 2018 para recuperar a antiga Sala Iago para actividade cultural que, xa daquela, era un espazo infrautilizado e ruinoso e conforme pasan os anos está en peor situación, indicou.
“Entendemos que os paneis que se puxeron nos soportais da Sala Iago como protección non son a mellor maneira para un edificio histórico destas características”, concluíu Goretti Sanmartín.