PLENO

Goretti Sanmartín trasladará ao Pleno unha iniciativa con medidas para fortalecer o ensino público en Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
A portavoz do BNG cualifica de “Llanero solitario” o alcalde Sánchez Bugallo ante a falta de negociación dos Orzamentos municipais de 2021 e insta o concelleiro de Educación a non sumarse á “procesión de caladiños”
Goretti Sanmartín trasladará ao Pleno unha iniciativa con medidas para fortalecer o ensino público en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa que levará a Pleno para fortalecer o ensino público en Santiago de Compostela, de maneira consensuada cunha canle aberta de diálogo permanente mediante o Consello municipal de Educación.

Neste Consello municipal de Educación está representada toda a comunidade educativa: docentes, alumnado, nais e pais, persoal da administración e dos servizos educativos, Universidade e responsábeis políticos, entre outros. Ten competencias como a programación de investimentos en materia educativa, en que o Goberno local se nega a facer ese contraste, para decidir cales son as prioridades dos Orzamentos.

Do mesmo xeito, ten competencia en determinar o emprazamento  de centros docentes dentro da demarcación municipal. Así, convocar este consello debera ser a canle adecuada para solucionar o  conflito aberto co intento de traslado de alumnado e profesorado do IES Lamas  de Abade. De feito, o BNG defende a actualización do Mapa escolar tendo en  conta a proxección de crecemento urbano e de residentes en determinadas  zonas da cidade, explicou.

A anterior concelleira de Educación neste mesmo mandato comprometeuse inicialmente a convocar o Consello de Educación antes de abril de 2020 e, despois dos problemas xurdidos pola pandemia, en xullo dese mesmo ano, afirmou nun Pleno que “era esencial reunir este organismo e prioritario”. “Fronte a esas declaracións, o actual concelleiro di primeiro no Pleno de febreiro e logo en rolda de prensa que para el non é unha prioridade e que traballa a longo prazo; visto o visto, rematará o mandato sen iniciar os trámites para o convocar, unhas declaracións que consideramos inauditas”, engadiu Sanmartín.

Ademais dos problemas suscitados nos comedores escolares a inicio de curso  2020-2021, cando por vez primeira non atenderon o dereito de acceso  universal e se abriu a posibilidade de recortar prazas, súmanse agora as dificultades das ANPA que xestionan comedores  de determinados centros escolares, ao efectuar o Goberno local os pagamentos das bolsas con 6 meses de demora, cando son  entidades sen ánimo de lucro que se ven na obriga de sufragar os gastos por  adiantado. O BNG entende que a nova convocatoria debe ter a previsión dun pagamento anticipado por parte do Concello, explicou.

En canto ás actividades de conciliación, o Concello ten que facer unha  programación anual cunha licitación única que inclúa Nadal, Entroido, Semana Santa e Verán. Cómpre evitar o acontecido no Nadal pasado, cando non se  permitiu asistir por días soltos, o que dificultou a conciliación de nais e pais, duplicouse o prezo con respecto aos cursos anteriores e  reduciuse o número de prazas (de 100 a 55) tendo en conta a situación  especial que viven as familias cos cambios laborais de traballo e teletraballo, ademais dos problemas económicos derivados desta crise. Non houbo actividades de conciliación no Entroido e aínda non se publicitou a  correspondente a Semana Santa. Así, fixou unha comparativa co Concello de Ames, onde se anotaron 65 nenos e nenas, cando aquí só se ofertaron 55, e cubríronse 15 polos prezos abusivos de 357 euros, que duplicaban o do ano anterior. Lembrou que no Entroido non houbo actividades de conciliación e a tres semanas da Semana Santa aínda non están convocadas.

Sobre os procesos de contratación, está pendente de licitar a Escola  Municipal de Música (a última Mesa de contratación foi o 1 de decembro) e de facer efectiva a apertura da Ludoteca María Miramontes, a contratación dos comedores  escolares conclúe este verán e deberían incluír nos novos pregos as demandas da FANPA con outro modelo de comedores que inclúa cociña e alimentos de proximidade, a escola infantil municipal das Fontiñas está sen  contrato desde o 31 de agosto de 2020 e a de Salgueiriños remata este verán,  polo que xa debería estar en proceso de licitación para ir en prazo.

A preguntas de xornalistas sobre o proceso de aprobación de Orzamentos, Goretti Sanmartín cualificou de “Llanero solitario” o alcalde Sánchez Bugallo ante a falta de negociación e instou o concelleiro de Educación a non sumarse á “procesión de caladiños” en referencia á actitude do resto do grupo de Goberno local.

 

Goretti Sanmartín trasladará ao Pleno unha iniciativa con medidas para fortalecer o ensino público en Santiago de Compostela