MOBILIDADE

O BNG reclama o arranxo de beirarrúas con lousas rotas e mal encaixadas

zonaauditoriogz
Raíces levantan o enlousado no parque do Auditorio de Galiza

Recibiu queixas da veciñanza das inmediacións do Auditorio de Galiza, de Santa Marta e de San Caetano

O BNG reclama o arranxo de beirarrúas con lousas rotas e mal encaixadas

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do BNG trasládalle ao Goberno local a necesidade de arranxar as lousas rotas e levantadas nas beirarrúas, co fin de mellorar a mobilidade peonil en Santiago de Compostela, posto que están a ocasionar problemas de accesibilidade e mesmo caídas de persoas. Isto enmárcase na campaña de mellora da accesibilidade, eliminación de barreiras arquitectónicas e seguranza viaria que emprendeu o BNG.

O problema agrávase cando hai pouca visibilidade por mor da chuvia ou da escuridade nas tardes e noites destes meses de inverno. Nalgúns casos son as raíces das árbores ornamentais as que levantan as beirarrúas en diversas zonas da cidade.

En concreto, o BNG recibiu queixas da veciñanza da rúa Otero Pedraio, nas inmediacións de San Caetano, onde hai diversas lousas cun firme irregular e outras movidas do lugar.

Na rúa Sempre en Galiza, en Santa Marta, hai unha zona peonil onde faltan diversas pezas de enlousado onde se acumula auga e lama ao chover. Isto resulta intransitábel, por exemplo, para quen vai cun carro de bebé.

Outro lugar moi frecuentado e do que trasladaron a súa preocupación polo mal estado das beirarrúas, tanto a veciñanza como estudantes do campus norte, é o parque do Auditorio de Galiza e a zona de Pelamios. Son moitas as lousas levantadas polas raíces das árbores, mais tamén hai tramos de beirarrúa que padeceron unha colisión e levan meses sen arranxar, o que interrompe o paso para as persoas que camiñan por este lugar.

 

O BNG reclama o arranxo de beirarrúas con lousas rotas e mal encaixadas